30 junio, 2021
Afundación e ABANCA porán en marcha novamente en Vigo, en colaboración coa Fundación Juan Soñador e Cáritas, o programa «Cubertos», que proporcionará 150 menús saudables ao día a menores en risco de pobreza ou exclusión social durante as vacacións escolares. O obxectivo de «Cubertos» é apoiar ás familias máis vulnerables, especialmente afectadas pola crise da COVID-19, garantindo ás nenas e nenos unha alimentación saudable durante o verán, período no que se interrompen os programas de bolsas comedor. Esta é a terceira edición do programa, que se iniciou no verán de 2020 e continuou durante as vacacións de Nadal, e que obtivo recentemente o premio na categoría de Acción Social, outorgado por CECA a nivel estatal.
O programa «Cubertos» desenvolverase nos meses de xullo e agosto na Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo en colaboración coas administracións locais e distintas entidades sociais, proporcionando 44 000 menús saudables, 1000 diarios. En palabras do Presidente de Afundación e Director Xeral de Responsabilidade Social e Sostibilidade de ABANCA, Miguel Ángel Escotet, «A pandemia da COVID-19, que sacudiu á humanidade completa, puxo de relevo a importancia vital do concepto de confraternidade, de solidariedade, entendendo que vivir é sinónimo de axudar, de coidar e de estar en relación cos nosos semellantes. Esta é a esencia do programa «Cubertos», no que resulta imprescindible o labor dos 100 membros do equipo da Obra Social de ABANCA e os 120 voluntarios e voluntarias tanto de ABANCA como de Afundación que velarán polo seu correcto funcionamento, preparando a distribución, entregando os menús e atendendo ás familias».
Os menús prepáranse seguindo as recomendacións da Estratexia NAOS da Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN), que engloba accións para inculcar hábitos de vida saudables a través da alimentación e o exercicio. Con este obxectivo, os menús, elaborados en empresas galegas especializadas e supervisados por nutricionistas, son equilibrados e orientados á idade e gustos dos menores e prepáranse con produtos frescos de provedores locais. Ademais, na elaboración dos menús atenderase ás necesidades específicas dos nenos e nenas participantes con intolerancias, alerxias ou outras particularidades.
ABANCA e Afundación impulsan este programa dentro do seu compromiso coas persoas máis vulnerables, conscientes do impacto económico que continúa provocando o coronavirus, máis aló da súa grave repercusión sanitaria. Ambas as entidades secundan o obxectivo común das administracións e entidades de iniciativa social de mobilizar a solidariedade cidadá e das empresas, fomentando ademais o voluntariado e a responsabilidade compartida na construción dunha sociedade máis xusta e cohesiva.
Alerta