Hospital Povisa de Vigo. Foto
12 marzo, 2025
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, avanzou hoxe, no Parlamento de Galicia, que no vindeiro mes de abril entrará en vigor o novo contrato de servizos con Povisa, por importe de 195 millóns de euros.
Tal e como detallou o conselleiro, o novo contrato responde ao interese da Xunta por garantir e ofrecer a mellor asistencia á cidadanía da área sanitaria de Vigo. A tal efecto, recolle melloras tanto para os pacientes, como para os traballadores de Povisa, como para a administración.
Entre as vantaxes para os doentes, o conselleiro dixo que verán optimizados todos os recursos asistenciais que teñen ao seu dispor e que poden elixir libremente, dispoñendo, así mesmo, de instalacións e equipamentos de vangarda.
Respecto dos traballadores, co novo contrato a adxudicataria ten a obriga de aplicar os incrementos retributivos pactados no convenio colectivo cunha suba concreta do 3 % neste ano.
No que atinxe á Xunta, pasará a pagar en función dos procesos realizados, e non per cápita, ao cambiar a fórmula establecida dun concerto a un contrato de servizos, dando cumprimento ás recomendacións do Consello de Contas.
Ademais, Povisa deberá realizar todas as actuacións precisas para poñer en funcionamento entre os seus facultativos e profesionais sanitarios a historia clínica IANUS. Ademais, tomará as medidas necesarias para integrar a información do rexistro de pacientes e da actividade asistencial no sistema de xestión de doentes do Sergas.
Gómez Caamaño tamén destacou que se contará cunha unidade de supervisión e control para o seguimento do contrato, que permitirá á Xunta garantir o perfecto funcionamento do servizo e velar pola calidade asistencial.
Tal e como remarcou o conselleiro na súa intervención no Pazo do Hórreo, na nova carteira de servizos resérvanse as prestacións hospitalarias de maior complexidade para o hospital público Álvaro Cunqueiro, grazas á súa vangarda diagnóstica e tecnolóxica. Deste xeito, este centro sanitario da rede do Servizo Galego de Saúde será o eixe fundamental da área sanitaria para os casos de alta complexidade, o que posibilita optimizar ao máximo todos os recursos asistenciais existentes.
Xunto ao anterior, o novo contrato obriga á adxudicataria a realizar investimentos en obras para a mellora da instalación e adquisición de equipamentos que sexan precisos para o correcto desenvolvemento da actividade, debendo destinar a este fin un mínimo dun 3 % do importe anual do contrato, o que supón investir como mínimo case tres millóns de euros cada ano por parte de Povisa en mellorar a atención sanitaria.
Para rematar a súa intervención, o conselleiro incidiu en que a Xunta seguirá a traballar por ofrecer a mellor asistencia sanitaria á cidadanía da área de Vigo e por incrementar a actividade cirúrxica. Tamén traballa en reducir os tempos de espera. Segundo os últimos datos presentados, os vigueses agardan de media 52 días menos para operarse que no resto de España.
Ademais, o Executivo galego está a destinar inxentes recursos como queda reflectido nos 1.000 millóns que dedica neste ano á mellora a sanidade pública viguesa.
Alerta