Compartir

O cantante e bailador Xisco Feijoó presentará a semana que vén en directo, en Galicia, o seu primeiro traballo discográfico, Peixe. Serán tres as citas nas que se poida gozar, ao vivo, dun álbum e espectáculo que achega unha visión contemporánea sobre a música de creación colectiva. Vigo, as Festas da Peregrina de Pontevedra e o Festival Intercéltico de Moaña serán as tres primeiras paradas desta xira, que augura alegría, orgullo e contemporaneidade.

Con Peixe, Xisco Feijoó pretende achegar, desde a súa óptica particular, unha visión atrevida, moderna e contemporánea sobre a música de creación colectiva galega. O disco, composto por dez temas, pon en valor o papel da cantiga tradicional, da que o artista salienta a súa identidade e significado propio, e sobre as que que fía un relato de historias con tintes autobiográficos e conectadas por un eixo común: a diversidade humana.

“Peixe fala de sentimentos, de sensacións, de querencias e de desexos. Fala de todo o que queremos ser e non somos quen. E do que somos e non desexamos. Fala da aceptación, de deixar atrás a resignación, e de entender que, entre nós, non hai gaiolas nin peixeiras que nos pechen. Peixe somos cada un de nós, únicos e irrepetibles”, sinala Xisco Feijoó.

O primeiro concerto terá lugar en Vigo o próximo luns, 26 de xullo. A cita será na parroquia de Beade, na Igrexa de San Estevo, e comezará ás 21.00 horas. Tres días despois, o xoves 29, o cantante e bailador actuará na Praza da Ferrería (22.00 horas), en Pontevedra, no marco dunha nova edición das Festas da Peregrina. E a terceira cita da semana que vén porá o broche dourado a esta quenda de presentacións: Xisco Feijoó actuará o 31 de xullo, ás 22.30 horas, no XXXVII Festival Intercéltico do Morrazo, en Moaña.

Xisco Feijoó

Son moitas as vertentes que conflúen neste creador excepcional. Cantante, premiado bailador, coreógrafo, presentador de televisión, vocalista, mestre da ETRAD e coordinador da sección de canto da Orquestra Folk de Galicia SonDeSeu son as máis destacadas faces dun artista total, traballador tenaz a prol do canto e do baile tradicional. Mais en todas elas, Xisco Feijoó é quen de deixar a súa pegada: a esencia máis fonda da música de creación colectiva, a partir da experiencia e a investigación, pero dende unha óptica moderna e renovadora.

Logo dun incesante labor de recuperación etnográfico polas aldeas galegas ao longo de máis de trinta anos, e de colaborar en máis de vinte discos e espectáculos de artistas de raíz con proxección internacional (como Mercedes Peón, Xosé Manuel Budiño, Carlos Núñez, Berrogüetto, Kepa Junquera ou Rodrigo Romaní, entre outros), Xisco Feijoó presenta o seu primeiro traballo discográfico, unha creación que bebe do máis puro e ancestral para achegar a modernidade “alén das peixeiras”. Renovación e atrevemento definen un álbum que tamén rende homenaxe ás grandes conservadoras da tradición: as mulleres.

Os dous primeiros sinxelos que acompañan o disco son Peixe, unha peza que acompañou dun divertido e desenfadado videoclip, e Animal, un tema cuxo vídeo emprega imaxes da longa documental Lejos de los árboles, de Jacinto Esteva. O álbum, convertido nunha singular lata de conservas, pódese adquirir a través da web oficial www.xiscofeijoo.gal. Tamén está dispoñible para escoita nas plataformas dixitais Spotify, Youtube ou Apple Music, entre outras.