A tartaruga mariña ‘Vilán’, volve ao mar tras completar a súa recuperación

Compartir

Unha tartaruga mariña localizada esta primavera na costa galega foi liberada hoxe na boca da ría de Arousa tras completar a súa recuperación nas instalacións da Coordinadora para o estudo dos mamíferos mariños (Cemma) e da Xunta de Galicia.

O exemplar, que foi bautizado como Vilán, embarcou este sábado ás 09,00 h en Cambados no Chasula, o medio no que a Cemma adoita realizar as súas campañas de seguimento de cetáceos.

Vilán foi localizada o pasado 25 de maio na bomba de succión de auga mariña da granxa acuícola de Cabo Vilán, en Camariñas. En canto detectaron a súa presenza, os responsables da instalación recollérona e deron a alerta. 

O exemplar medía nese momento 29 centímetros e pesaba 1.650 gramos. O equipo veterinario determinou, tras sometela ás correspondentes probas diagnósticas, que o incidente non lle causara lesións graves.

Vilán, recuperada

O animal foi trasladado nun primeiro momento á UCI de tartarugas mariñas que a Cemma ten en Nigrán, onde o seu estado foi moi bo e de seguida comezaron a alimentarse por si mesmos.

Nunha segunda fase e no momento en que a súa evolución así o aconsellou, Vilán foi trasladada ao Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa), dependente da Consellería do Mar e localizado na Illa de Arousa, no que se contou para o seu coidado coa colaboración do profesorado e alumnado do centro.

Debido ao seu bo estado de saúde, recentemente o equipo veterinario decidiu darlle a alta para que fora liberado no seu medio natural, unha solta que tras varios aprazamentos por mor das condicións desfavorables do mar levouse a cabo esta fin de semana.

Convenios de colaboración desde 2003

Cómpre subliñar que as instalacións do Cemma na que Vilán pasou a primeira fase da súa recuperación están preparadas para acoller a diferentes especies de animais mariños que recalan na costa galega en virtude dos sucesivos convenios de colaboración que desde 2003 mantén a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda con esta organización. 

De feito, cómpre lembrar que o Cemma é a única entidade autorizada pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural para xestionar e coordinar a Rede de varamentos de Galicia, xa que os animais tratados soen ser especies protexidas e se requiren as pertinentes autorizacións.

As costas de Galicia supoñen un paso oceánico no camiño das tartarugas mariñas procedentes das áreas de cría do Caribe que se distribúen polo Atlántico ao longo da súa longa vida para retornar para reproducirse nas súas praias de orixe moitos anos despois.

Este ano en particular estase detectando unha gran presenza destes animais nas costas galegas pois son xa seis os exemplares de tartaruga común rexistrados desde o mes de xaneiro, valores próximos á media anual de sete que se contabiliza desde 1990.

Nos últimos 20 anos foron rexistradas nas costas galegas máis de 120 tartarugas mariñas vivas, das cales 10 foron tartarugas de coiro (Dermochelys coriacea), exemplares de ata dous metros de lonxitude e 400 kg de peso que apareceron atrapadas en cabos e aparellos de pesca, procedendo á súa liberación; e o resto foron tartarugas comúns, Caretta caretta, xuvenís de entre 20 e 70 centímetros, varadas maioritariamente nas praias e que, tras ser tratadas, lograron o seu reingreso ao mar no 74% dos casos.