250 escolares coñecen dende hoxe a historia de Pontevedra a través do Caderno de Arquitectura

Compartir
Obradoiros Cadernos de Arquitectura 1. Fonte: Concello

Nestes obradoiros dirixidos a nenos e nenas entre 8 e 12 anos explicaráselles a historia da cidade seguindo a pegada da arquitectura: dende a lenda de Teucro até as construcións contemporáneas.

Este caderno, publicado pola Concellaría de Patrimonio Histórico e Urbanismo, comezou hoxe as xornadas que se prolongarán até o 10 de novembro.

 

A Concellaría de Patrimonio Histórico que dirixe Xaquín Moreda arrancou hoxe cos obradoiros de divulgación do “Caderno de Arquitectura. A forma urbana de Pontevedra” en seis centros de ensino do Concello, da man das autoras do proxecto, África Martínez e Ana Barreiro, responsables de Taller Abierto.

Os obradoiros comezaron hoxe, 20 de outubro e rematarán o 10 de novembro.

 

Solicitaron participar nesta primeira quenda:

20 de outubro: 50 escolares do CEIP Barcelos, (2 clases de sexto).
21 de outubro: 25 escolares do CEIP Marcón,(4º).
26 de outubro: 25 escolares do CEIP Santo André de Xeve, (6º).
27 de outubro: 50 escolares do CEIP Xunqueira I, (dúas aulas de sexto).
2 de novembro: 75 escolares do CEIP Marcos da Portela, (tres aulas de sexto).
3 de novembro: 25 escolares do CEIP San Martiño, (6º).

Neste momento hai lista de agarda por parte doutros centros de ensino da cidade que se incorporarán na segunda edición destes obradoiros.

Caderno de Arquitectura é unha publicación municipal da Concellaría de Urbanismo e Patrimonio Histórico que fai un repaso da historia da cidade a través dos trazados urbanos e da arquitectura, desde a lenda de Teucro e a orixe da cidade, pasando polos primeiros asentamentos romanos, polo apoxeo medieval e o barrio da Moureira ata os asentamentos urbanos da arquitectura contemporánea.

A publicación ten un formato moi visual. Está feita con debuxos de estilo arquitectónico que permiten achegar ao público esta profesión, ás veces complexa, de xeito sinxelo. A publicación, que conta con todo o rigor histórico, está pensada para cativos e cativas de 8 a 12 anos, pero as autoras tamén consideran que pode ser para todas as persoas que queiran poñerse ao día coa historia de Pontevedra.

O concelleiro Xaquín Moreda explicou no seu día que a idea xurdiu a partires dunha asignatura da carreira de Arquitectura na que se estuda a historia global da Arquitectura percorrendo a historia particular dunha cidade, a través dos edificios construídos e dos trazados urbanos en diferentes épocas.

Esta iniciativa inclúese dentro da liña de traballo da Concellaría de dar a coñecer a historida da cidade a todos os públicos. Neste marco adscríbese o videoxogo PonteVeteris, que está ambientado na historia medieval da cidade realizado en colaboración do grupo de innovación docente da Universidade de Vigo, ComTecArt.