12 agosto, 2021
O deputado Uxío Benítez busca dar a coñecer os dez principios da Rede Ágora con “imaxes de calidade” das transformacións realizadas nas vilas e cidades da provincia
Anima a profesionais da fotografía a aproveitar o verán para tomar instantáneas coas que presentarse ao certame
A Deputación de Pontevedra vai lanzar nas próximas semanas oficialmente os Premios Ágora de Fotografía sobre o Espazo Público ‘#FOTOÁGORA’, un galardón de vocación internacional que repartirá 40.000 euros en premios. O deputado de Mobilidade e Espazo Público Uxío Benítez anunciou hoxe a iniciativa, coa que pretende reunir “imaxes de calidade” que dean a coñecer os dez principios da Rede Ágora e como estes favorecen o uso e goce do espazo público por parte das persoas amosando transformacións realizadas nas vilas e cidades da provincia nos últimos tempos.
Para o departamento de Mobilidade este certame ten unha grande relevancia porque pretende amosar a calidade dos espazos públicos e difundir o modelo Ágora dunha forma moito máis clara que a través das palabras. “Hai moitos lugares na nosa provincia que poder servir de exemplo de espazos públicos deseñados e executados con calidade. Unha imaxe vale deles máis que mil palabras, por iso queremos poñer en valor o traballo das fotógrafas e fotógrafos que saiban recoller a nosa filosofía”, subliñou. Lembrou que a idea principal de Ágora é o principio de ‘As persoas primeiro’ e facer fincapé en que o espazo público “é un dereito da cidadanía ao mesmo nivel que a sanidade ou a educación por ser escenario da vida colectiva”.
O deputado Benítez amosou a súa confianza no alto nivel dos traballos que se presenten pola alta contía dos premios, que poden incluso atraer a figuras internacionais do gremio. Segundo explicou, a contía total dos recoñecementos ascende a un total de 40.000 euros que se repartirán nun primeiro premio de 6.000 euros, nun segundo de 4.000 euros, unha recompensa de 2.000 euros para as mellores fotografías de cada unha das categorías referidas aos dez principios Ágora, así como outros 20 accésits de 500 euros.
As bases do concurso serán publicadas nas vindeiras semanas oficialmente no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) e colgaranse en breve na páxina da Deputación, mais Benítez animou a profesionais –e tamén afeccionadas- a aproveitar para ir tomando xa instantáneas coas que presentarse ao certame dende o momento actual e coas características da luz do verán.
As categorías nas que participar –cada persoa poderá entregar un máximo de cinco- correspóndense con cada un dos 10 principios que promulga a Rede Ágora, premiándose as fotografías sobre actuacións realizadas, exclusivamente, no espazo público da provincia de Pontevedra que mellor reflictan cada un deles: O espazo público é un dereito; As persoas primeiro; Mobilidade inclusiva; Autonomía infantil; Mobilidades alternativas; Espazos seguros; Hábitat saudable; Espazos amables e de calidade; Actividade económica de proximidade; e Mobilidade sustentable.
Valorarase a capacidade da fotografía para mostrar a importancia dos principios que rexen a rede Ágora e tamén a calidade técnica da imaxe por parte de un xurado de persoas expertas que se fará público na web da redeagora.gal.
O procedemento para a participación será similar ao que xa existe para o certame de Novos Valores do Museo de Pontevedra. Inicialmente as persoas interesadas deben entregar un formulario de preinscrición para despois –no prazo dun mes-, entregar os traballos de maneira anónima en formato dixital xunto ao seu título e a descrición da localización do espazo público fotografado, aos que se lle asignará un código alfanumérico. O servizo de Novas Tecnoloxías da Deputación custodiará o emparellamento do código da preinscrición co da validación da solicitude e só cando o xurado conceda os premios se coñecerá a autoría das fotografías gañadoras.
Alerta