15 agosto, 2021
A caña do país foi a protagonista no primeiro showcooking do “Agosto Gastronómico”.
Vinte e dúas persoas asistiron á demostración culinaria a cargo dos chefs Coque Fariña, Fran Jamardo e Rocío Garrido.
Presentáronse tres pratos salgados e un doce que tiñan augardente de Valga entre os seus ingredientes.
A auguardente de Valga, nas súas variedades branca, de herbas e tostada, foi a gran protagonista do primeiro showcooking do “Agosto Gastronómico”, que se celebrou na tarde-noite de onte no Centro de Interpretación da Caña do País.
Os cociñeiros Rocío Garrido, Fran Jamardo e Coque Fariña amosaron a versatilidade deste produto local e as múltiples opcións culinarias que ofrece, podendo introducirse tanto en pratos salgados coma doces.
Vinte e dúas persoas asistiron á demostración culinaria en vivo, na que os chefs presentaron tres elaboracións salgadas e un postre, todos eles con caña do país entre os seus ingredientes.
O público puido seguir paso a paso cada unha das receitas e, despois, degustalas. “Carneiro de mar, codium e caña branca” foi o prato que abriu o menú, seguido de “Migas, foie e caña tostada” e “Tacos de polo e verduras flambeadas con caña de herbas”.
Unha “Deconstrución de torta de mazá e chocolate con caña de herbas” foi a sobremesa.
As tres variedades de augardente que se empregaron para a elaboración do menú foron as gañadoras do Concurso da Caña do País da última edición da Festa da Anguía e Mostra da Caña.
A maridaxe correu a cargo de dúas empresas valguesas. Os pratos salgados estiveron regados polos viños da bodega Torres Augusti, da Indicación xeográfica protexida Terras de Barbanza e Iria. O postre serviuse acompañado dunha crema de Vermutería La Fabulosa. Tamén colaborou no evento a artesana Mar Barral, que aportou a vaixela decorada coa técnica do “Ecoprint”.
“Universo Anguía”
O próximo venres, 20 de agosto, terá lugar un novo showcooking co nome “Universo anguía” e no que este peixe será o denominador común en todos os pratos. O prazo de inscrición para todas as persoas que queiran asistir está aberto.
A folla de inscrición pode descargarse a través da páxina web municipal (https://valga.gal/atencion-cidada/impresos-solicitudes) e debe presentarse cuberta no rexistro do Concello ou enviala ao correo electrónico concello@valga.gal.
GALERIA DE FOTOS: Primeiro Showcooking do “Agosto Gastronómico”.
Alerta