30 agosto, 2021
Marcará as pautas para seguir avanzando no modelo de cidade sostible e integradora definida, no proxecto “Vilagarcía Avanza”
O urbanismo táctico e a participación cidadá, son dous aspectos fundamentais do plan, ao igual que un transporte público eficiente e os medios de desprazamento alternativos ao vehículo de motor
As accións do PMUS orientaranse a construír unha cidade amable para vivir, universalmente accesible e con baixo nivel de emisións de CO2
O contrato para a redacción do PMUS licítase por 70.000 euros, que se financian cos fondos europeos da EDUSI. A firma que resulte adxudicataria disporá dun prazo de 6 meses para elaborar o plan. Xunto co PXOM, o PMUS será un dos documentos esenciais para consolidar os principios e valores que fagan de Vilagarcía, unha cidade máis habitable e grata no día a día para os seus habitantes.
O PMUS de Vilagarcía deberá definir un conxunto coordinado de actuacións a desenvolver a curto, medio e longo prazo, destinadas a implantar modos sostibles de mobilidade dentro do termo municipal. Isto farase a partir da análise da situación actual, tendo en conta os estudos previos de mobilidade realizados polo Concello, e mediante a aplicación das pautas de actuación estandarizadas de referencia na materia. O fin último deste documento será que o Concello conte cunha ferramenta útil para concretar os obxectivos, as estratexias e os criterios para desenvolver a política de mobilidade durante no marco temporal de 2022 a 2030.
Dado que o PMUS é un concepto que contribúe á consecución de obxectivos climáticos e enerxéticos marcados polas directrices europeas, ten necesariamente que ser un plan sostible e cumprir requisitos tales como, prever a redución da contaminación do aire e do ruído, as emisións de gases de efecto invernadoiro e o consumo de enerxía; mellorar a eficiencia e o rendemento do transporte de persoas e mercancías e contribuír a mellorar o deseño, o atractivo e a calidade ambiental no ámbito urbano, en beneficio dos cidadáns, a economía e a sociedade no seu conxunto.
O documento estruturarase en tres eixos principais:
– Elevar a calidade de vida da cidadanía mediante a mellora do transporte público, e das súas condicións de prestación, e mellora da mobilidade.
– Favorecer unha Vilagarcía solidaria. Neste marco tamén se establecerán actuacións para aumentar a protección e seguridade viaria no conxunto da trama urbana, na procura do obxectivo “cero vítimas”.
– Liderar a transformación urbanística do Municipio.
Urbanismo táctico e participación cidadá
A mobilidade nunha cidade está condicionada polo urbanismo, de aí que o PMUS aborde tamén o modelo de desenvolvemento urbano da cidade, á hora de plantear o seu marco de actuación e de configurar as diferentes pautas de mobilidade. E neste punto priorizará o papel do “urbanismo táctico”, de baixo custe e complexidade de execución, pero cun impacto apreciable na mobilidade e na configuración da contorna urbana, sen que sexa necesario realizar modificacións estruturais.
De forma conxunta á análise técnica, a adxudicataria do PMUS deberá deseñar e desenvolver un proceso de participación pública, mediante o que involucrar á poboación, dándolle voz e corresponsabilizándoa no modelo de mobilidade.
Alerta