8 septiembre, 2021
Os traballos son financiados polo Concello. Comezaron nas últimas semanas e incluíron o picado das paredes, a colocación dun novo cableado eléctrico e a renovación da división entre as dúas aulas que integran o inmoble. Ademais, estase a renovar a tarima nunha aula e, na outra, retirarase a vella plaqueta do piso para substituíla tamén por tarima. O proxecto contempla o acondicionamento dos baños e, por último, realizarase unha actuación no exterior para mellorar a drenaxe e evitar humidades que afecten ao edificio.
As obras prolongaranse aínda durante unhas xornadas, polo que nestas primeiras semanas de curso o alumnado deste centro recibirá clase na escola do Forno, tamén integrada no CRA, tal e como se lles informou ás familias.
Tamén están e marcha actuacións noutras escolas de Valga. En Vilarello cambiouse parte do piso dunha aula que estaba danado pola polilla. E en Campaña, onde se detectou o mesmo problema, vaise a repoñer todo o chan instalando outro tipo de material resistente a estes insectos.
Novo espazo cuberto no colexio de Baño
Ademais, o colexio de Baño tamén foi obxecto de diversas actuacións de mellora durante o verán, neste caso financiadas pola Consellería de Educación. Creouse un novo espazo cuberto de circulación aproveitando un patio interior que estaba inutilizado fronte á entrada principal. Deste xeito, favorecerase a circulación interna de persoas e evitará que o alumnado invada os espazos máis privados do profesorado e persoal do colexio (despachos, sala de profesores, etc.), polos que tiñan que pasar obrigatoriamente ata agora xa que era o único corredor existente que conectaba a parte anterior e posterior do edificio de Educación Primaria.
Tamén se ampliou a porta principal do colexio e repúxose a varanda da rampla de acceso dende o patio cuberto, que se atopaba deteriorada. Colocouse unha nova de aceiro inoxidable, 1’10 metros de altura e dobre pasamáns. Por último, mellorarase o pavimento de varias aulas mediante a colocación de tarima.
A Consellería ten prevista, así mesmo, outra obra no colexio Xesús Ferro Couselo, consistente na mellora do pavimento da pista cuberta e do patio exterior. A actuación xa foi licitada e está pendente da súa adxudicación a unha empresa.
Alerta