17 septiembre, 2021
A presidenta participou en Almería na Comisión de Deputacións, Cabildos e Consellos Insulares da FEMP, na que felicitou ao goberno de España “pola súa sensibilidade coas entidades locais e coa xestión dos fondos que suporán a recuperación do país”.
Carmela Silva exixiu á Xunta un reparto equilibrado e transparente dos recursos, nun modelo que ten que ser compartido co mundo local: “Estamos a ver xa síntomas moi preocupantes”.
A Comisión recolleu a proposta da Presidenta Provincial, e realizou unha condena expresa do último crime machista en A Coruña que eleva a 35 as mulleres asasinadas no que vai de ano.
Reivindicar o papel que deben xogar as entidades locais na xestión do fondos europeos e alertar sobre “as sinais que están a dar comunidades autónomas como a Xunta de Galicia sobre a intención que teñen coa administración deses recursos”, foron dúas das claves da intervención esta mañá da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, na Comisión de Deputacións, Cabildos e Consellos Insulares que se está a celebrar en Almería.
Carmela Silva felicitou ao Goberno de España por “toda a labor e o ímprobo esforzo que está a facer para que a recuperación deste país sexa un feito cunha xestión impecable dos fondos europeos”, e agradeceu “a sensibilidade que o goberno do estado está a ter co mundo local, que xa mostrou con medidas como as regras fiscais, a condonación dos ingresos a conta ou o aumento deses ingresos que xa están contemplados e acordados”. Iso si, a presidenta provincial defendeu un maior protagonismo das entidades locais na xestión dos fondos europeos que reciban as comunidades autónomas, reivindicación xa acordada na Declaración Institucional da FEMP.
Chamamento ás comunidades autónomas
“Temos avanzado moito, dixo a Presidenta, o Goberno de España foi sensible e tivo en conta as nosas suxerencias, e sabemos que a estrutura territorial e competencial é moi especial e que non é doado estruturar como se xestionan os fondos, pero queremos participar activamente na súa administración”. Nese senso insistiu en que “aínda que os recursos cheguen ás Comunidades Autónomas porque teñen competencias, ten que haber un reparto equilibrado para o que as comunidades teñen que contar co mundo local. Teñen que convocar ás Deputacións para construír un modelo compartido para a xestión deses fondos”.
A Presidenta mostrou a súa preocupación ante “sinais inquietantes, alo menos no caso da Xunta de Galicia”. “O problema non está tanto en como se distribúen os fondos ou como se redactan as ordes, senón en que están a facer cousas que denotan falta de transparencia e nalgún caso, como estaría a pasar por exemplo no eido do turismo, ideando proxectos e redirixindoos a determinados destinos”. Carmela Silva alertou de que en Galicia “o proceso para elaborar a estratexia territorial da sostenibilidade turística esta a ser de todo menos participativa. A mesma Xunta que exixe ao goberno central máis participación da toma de decisións, nin consultou coas deputacións e os principais destinos turísticos as prioridades anuais, e nin sequera intentou consensuar o deseño da convocatoria dos plans de sostenibilidade que van á estratexia territorial”.
“Esperamos transparencia, obxectividade e que todos os proxectos se valoren co mesmo rigor e a mesma obxectividade independentemente das cores políticas do destino, apuntou a presidenta da Deputación, e que se priorice a recuperación do turismo sobre os intereses de algún”. Silva demandou maior información e apoio aos pequenos concellos do interior, os do reto demográfico, “que vendo as prioridades fixadas pola Xunta van ter poucas posibilidades de fomentar o desenvolvemento turísticos das súas vilas”.
A Comisión de Deputacións, Cabildos e Consellos Insulares da FEMP, recolleu a proposta da Presidenta da Deputación de Pontevedra, e realizou unha condena expresa do último crime machista en A Coruña, que eleva a 35 as mulleres asasinadas no que vai de ano.
Alerta