7 octubre, 2021
Están contempladas cinco actuacións que transformarán e humanizarán as rúas perpendiculares a rúa do Gorgullón, instalando plataforma única en catro das cinco.
As obras contan cun orzamento de preto de 300 mil euros, e contan cun prazo de execución de catro meses.
O concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, compareceu o mércores, 6 de outubro, en conferencia de prensa, para dar conta das actuacións que se están a facer no barrio do Gorgullón, concretamente nas rúas perimetrais á rúa do Gorgullón.
Gómez lembrou que unha delas fora reformada cando se fixo a renovación integral da rúa como tal, mais quedaban algunhas por recibir esta remodelación e adaptalas ao modelo e calidade estándar da cidade. «En realidade, son unhas actuacións, digamos, cirúrxica. Cinco actuacións diferentes que van permitir mellorar a calidade de vida do barrio e que na práctica, serían imposíbeis sen a actuación previa, que a que organiza toda a vida do barrio e fomentar a mobilidade».
As obras consisten nunha dotación de plataforma única a catro rúas, e unha quinta na que aínda que será mellorada a mobilidade peonil, será deixado un carril de circulación.
Estase a traballar xa na rúa da Moa, unha rúa que tiña un carril de circulación, que agora pasará a ter unha plataforma única, malia ter unha pendente do 20 por cento. «O Obxectivo era mellorar a accesibilidade na medida do posíbel. Un lado da rúa quedará cunha rampla e noutro irá con escaleiras. Imos combinar formigón varrido con baldosa, parecida a do resto da rúa Gorgullón, igual que se vai facer na rúa Eduardo Pondal».
Na rúa da Curtidoira, a actuación consistirá na elevación do carril de circulación e facelo desaparecer, para quedar en plataforma única. Ademais, levará arborado para aumentar a sensación de confort.
A praza Ponte Boleira, pola súa banda, manterá o carril de circulación, por mor dos garaxes alí situados. «Cremos que debido á presencia habitual de nenos, era interesante deixar un carril claro, para que estes soubesen por onde pasan os vehículos e tivesen coidado. Non a o mesmo na rúa Pedro Sarmiento de Gamboa, que hai unha residencia de persoas maiores que precisan chegar até a porta mesmo da residencia. Aí compensar contar cunha plataforma única», comentou Gómez.
O conxunto das actuacións contará cun orzamento de execución de case 300 mil euros. A orde de actuación será a seguinte: primeiro a rúa da Moa, logo a travesía de Eduardo Pondal, despois a pavimentación da Curtidoira e de Sarmiento de Gamboa e, por último, os pasos elevados na praza de Ponte Boleira.
O prazo de execución segundo o contrato é de catro meses, mais o concelleiro de Obras lembrou que «estamos preto do inverno, e a inclinación das rúas fai difícil as obras», polo que podería haber algún pequeno atraso.
Alerta