17 octubre, 2021
Da mesma maneira que no ano 1809, a parroquia de Valadares xogou un papel relevante na Reconquista de Vigo, hoxe, tamén arengados polo Abade de Valadares e dende o Centro Cultural da parroquia, os xoves músicos da Orquestra Xuvenil de Vigo Kv2211 botaron aos franceses da vila nun concerto que contou coa colaboración do Concello de Vigo e a partipación dos actores do “Grupo de Teatro R1809”. A data do concerto tivo que ser adiada do 28 de marzo a hoxe por mor da pandemia.
No concerto, –no que estivo presente a concelleira de I + D e Dinamización Administrativa, Ana María Mejías–, os actores, Gregorio E. Álvarez, Alberto Seijo, Estrella Iglesias e Francisco J. Martínez, representaron ao Abade de Valadares, ao Alcalde Vázquez Varela, a Manuela a do Estanco, e ao militar francés Chalot, respectivamente, e explicaron o seu papel na Reconquista de Vigo e os principais feitos da mesma. Acompañando aos actores, a música foi interpretada pola Orquestra dirixida José
M. Fernández.
Amancio Fernández, representante da Asociación Kv2211, agradeceu o apoio do Concello de Vigo, así como o esforzo dos xoves músicos e dos seus pais e nais por seguir apostando pola Orquestra e alentou aos medios de comunicación a “facerse eco destas iniciativas nas que os xoves adican o seu tempo libre, nun momento en que semella que os xoves enchen as noticias por comportamentos incívicos”.
Unha intensa fin de semana
Non foi a de hoxe a única actividade da Orquestra. Onte a Orquestra Infantil de Vigo Kv2211 –dirixida por Raquel Fernández Núñez– actuou no Auditorio de Teis no ciclo “Música Clásica polas parroquias”, unha iniciativa da Kv2211 coa que pretende contribuir á dinamización musical de Vigo e a súa oferta cultural, abrindo a música clásica a todos os grupos de idade, principalmente aos máis novos e familias.
A Orquestra Infantil e Xuvenil de Vigo Kv2211 constituíuse no ano 2017 e actualmente está formada por 60 músicos de corda, percusión e piano de Vigo e procedentes de localidades como Tui, Porriño, Nigrán, Baiona, Gondomar, Santiago de Compostela, Mos e Ourense.
Alerta