20 octubre, 2021
O martes 26 de outubro, o cociñeiro impartirá unha masterclass no Espazo Emprendedor de Innovación Alimentaria de Marín, no Parque Azul, para un máximo de 12 participantes, coa que aprender a preparar pratos a base de mariscos e peixes da nosa ría. Será preciso inscrición previa.
Esta será a primeira de dez sesións que se seguirán celebrando ao longo do próximo ano, e que pretenden fomentar a empregabilidade e a innovación no sector marítimo, a través do sector gastronómico.
O Espazo Emprendedor de Innovación Alimentaria, (EEIA), ubicado no Parque Azul de Cantodarea, ofrecerá o martes 26 de outubro, de 10.00 a 13.00 horas, unha acción formativa da man do cociñeiro Iñaki Bretal.
O obxectivo desta formación é o de poñer en valor os mariscos que se atopan na nosa ría e que son menos coñecidos, para aprender como incorporalos na oferta gastronómica. Por tanto, o evento está dirixido a todas aquelas persoas con interese en coñecer máis profundamente o producto local pesqueiro da nosa contorna para poder aplicalo despois en elaboracións culinarias. A modalidade do curso será presencial e terá un máximo de 12 participantes.
De xeito específico, Bretal ensinará como elaborar pratos de calidade con ameixón, moelo, zamburiña, volandeira e outros produtos de tempada que o cociñeiro considere interesantes para a súa preparación.
Esta acción é a primeira dunha serie de dez xornadas de formación e promoción de produtos marítimo-pesqueiros, que terán lugar ao longo deste último trimestre do 2021 e no próximo ano na aula de formación do EEIA.
O Concello, que foi o promotor do proxecto e da dotación de equipamento para a aula, solicitou unha subvención ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP), aprobadas pola Consellería do Mar aos grupos de acción local do sector pesqueiro (Galp), no marco do FEMP para os anos 2021 e 2022. En total, a inversión é de 32.126,90 euros, dos cales o 80% son aportados pola Consellería e o 20% restante polos fondos propios municipais.
A acción encádrase nos obxectivos específicos do programa da FEMP de crecemento económico, apoio á empregabilidade e a diversificación de actividades no marco da economía marítima e pesqueira.
Desde o Concello, animan sobre todo ao sector da hostalaría local a “aproveitar unha oportunidade formativa tan interesante para aprender novas técnicas co noso produto máis prezado e así poder innovar e ofrecer novas presentacións á veciñanza”.
Para participar, será preciso realizar unha incripción previa, escribindo un mail indicando nome, DNI, teléfono e empresa, (se se pertence a algunha relacionada co sector da gastronomía), a marin@ajepontevedra.com ou chamando ao teléfono 637762082.
Alerta