Os galardóns buscan recoñecer os mellores artigos que versen sobre algunha das temáticas abordadas na sétima edición do Congreso “As Mulleres que Opinan son Perigosas”, celebrado en Pontevedra os días 15 e 16 de marzo
. A Deputación e o Concello de Pontevedra aínda teñen o prazo aberto ata o vindeiro 8 de abril para presentar artigos aos premios #MulleresQueOpinan. Trátanse duns galardóns
cos que ambas institucións buscan recoñecer os mellores artigos de opinión que versen sobre algunha das temáticas abordadas na sétima edición do Congreso “As Mulleres que Opinan son Perigosas”, que tivo lugar os días 15 e 16 de marzo no Teatro Principal de Pontevedra.
Os premios buscan promover o exercicio da opinión xornalística por parte de mulleres profesionais do xornalismo e fomentar o nacemento dunha nova canteira de mulleres opinadoras. Serán premiados con 1.000 euros os mellores artigos de opinión escritos en galego e en castelán sobre as temáticas que se aborden no encontro, que se publicarán ademais nos principais xornais da provincia de Pontevedra.
Poderán presentarse aos #MulleresQueOpinan artigos de opinión sobre a propia experiencia como espectadora ou asistente (de maneira virtual ou presencial) e tamén sobre calquera tema que se trate no congreso, tanto nos relatorios como nas roldas de preguntas. O único requisito é que co propio texto quede acreditada a asistencia ao foro e que se inspire neste para escribir opinión.
Os artigos presentados, que teñen que ser orixinais, deben contar cun titular e corpo cunha extensión máxima de 3.000 caracteres (sen contar os espazos). Estes poden ser tanto inéditos como de xornalistas que cubran as xornadas do foro e publiquen os seus textos nos medios que traballan. As bases están
dispoñibles no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra do pasado 11 de marzo e as solicitudes deberán
facerse preferiblemente a través da Sede electrónica da Deputación.