Trátanse de proxectos en Catoira, Fornelos de Montes, Moraña, As Neves, Salvaterra de Miño e Valga, que serán acometidos integramente con recursos da institución provincial a través dos plans +Provincia, PON2030 e o Extraordinario de Infraestruturas Deportivas
A Deputación aprobou unha inxección de 900.000 euros do Plan +Provincia cos que se completará o financiamento ao 100% dos proxectos nestes seis concellos e se impulsarán novas actuacións en Barro, Caldas e Poio
. Luis López puxo en valor que a Deputación de Pontevedra vai destinar máis de 2,5 millóns de euros para financiar ao 100% investimentos en seis concellos da provincia.
Trátanse de grandes proxectos en Catoira, Fornelos de Montes, Moraña, As Neves, Salvaterra de Miño e Valga, que serán acometidos integramente con recursos da institución provincial a través dos plans PON2030 e o Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, así como do +Provincia.
Neste eido, a Xunta de Goberno da Deputación aprobou esta semana unha inxección de 900.000 euros do Plan +Provincia cos que se completará o financiamento ao 100% dos proxectos nestes seis concellos e se impulsarán novas actuacións en Barro, Caldas e Poio. “No que levamos de ano distribuímos xa 16,6 millóns de euros do +Provincia, o plan que está a tender pontes cos concellos como nunca antes se fixera, cos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia”, asegurou Luis López.
Proxectos financiados ao 100% pola Deputación
En Valga os fondos provinciais permitirán financiar na súa totalidade a construción dunha senda peonil e vía ciclable na contorna do Lago Porto Piñeiro, que conta cun orzamento de 615.000 €. Ata o de agora, o Goberno local tiña recibido 522.000 € do PON2030 da Deputación e o importe restante correspondíase con achegas municipais que, agora, serán sufragadas con recursos do Plan +Provincia (92.000 €).
No caso de Salvaterra de Miño trátase da recuperación do espazo para uso peonil na rúa da Forca, que conta cun orzamento de 540.000 € . O Concello tiña recibido xa 432.000 € do PON2030 da Deputación e o importe restante, correspondente coas achegas municipais, procederá de recursos do Plan +Provincia (108.000 €).
Pola súa banda nas Neves a Deputación financiara o 100% das obras de acondicionamento da Praza de Santa María de Liñares. A actuación conta cun orzamento de 530.000 € dos cales o Concello recibiu xa 475.000 € do PON2030 e o importe restante será sufragado con recursos do Plan +Provincia (53.000 €).
En Moraña os fondos provinciais permitirán financiar na súa totalidade a fase dous do campo de fútbol de Mirallos, que conta cun orzamento de 391.000 €. Ata o de agora, o Goberno local tiña recibido 41.000 € do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas e o importe restante, 350.000 €, procederá dos recursos do Plan +Provincia que corresponden á vila.
No caso de Fornelos de Montes trátase da rehabilitación das instalacións municipais dedicadas a piscinas, que conta cun orzamento de 350.000 €. O Concello tiña recibido xa máis de 300.000 € do PON2030 e o importe restante, correspondente coas achegas municipais, será sufragado con recursos do Plan +Provincia.
E en Catoira, a Deputación de Pontevedra financia o 100% das obras de construción de vestiarios e aseos no campo de fútbol das Lombas. A actuación conta cun orzamento de 99.000 € dos cales o Goberno local recibiu xa 36.000 do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas e o importe restante, 62.000 €, procederá dos recursos do Plan +Provincia.
+Provincia
Ademais, a Deputación de Pontevedra aprobou tamén unha inxección doutros 180.000 € do Plan+ Provincia para actuacións en Barro, Caldas e Poio. Deste xeito, Barro recibirá 70.000 € para mellorar unha estrada municipal en Bretoña; Poio outros 70.000 € para a pavimentación e ampliación da rede de pluviais nos camiños Cachafeiro e do Casaño; e Caldas recibirá máis de 40.000 € para a subministración dunha furgoneta e dun furgón para o servizo de obras municipal.