O secretario xeral provincial do PSdeG-PSOE, David Regades, alertou de que Galicia está deixando pasar a oportunidade única dos fondos europeos pola inacción da Xunta, “unha Administración parada e carente de políticas estratéxicas en materia económica e social”, e polo cambio na Deputación, “que pasou de ser unha locomotora de
transformación a ir no vagón de cola”. Regades presidiu en Vigo a primeira xuntanza da Comisión Interparlamentaria provincial, na que toman parte, ademais da Dirección, os/as representantes socialistas da provincia nas Cortes Xerais, no Parlamento Galego e na Corporación provincial.
“Ata hai ben pouco a Deputación suplía boa parte das ausencias da Xunta, tanto no fondo como nas formas, pero paulatinamente imos vendo como a Deputación retírase dos espazos que antes ocupaba, mesmo cunha falta de cordialidade alarmante, como está a suceder co intento de retirar subvencións outorgadas polo anterior Goberno provincial a concellos socialistas”, lamentou Regades. Na Interparlamentaria tomaron parte, ademais de Regades, Luís Piña e Manel Vázquez, a senadora, Carmela Silva; os deputados/as en Cortes, Paula Fernández, Modesto Pose e Margarita Adrio; os deputados/as autonómicos, Elena Espinosa, Carlos Font e Paloma Castro, e os deputados/as provinciais: Laura Iglesias, Ana Mejías, Carlos Gómez, Digna Rivas, Gorka Gómez, Gregorio Agís, Javier Iglesias, Nuria Rodríguez e Paco Ferreira.
Todos eles coincidiron en que a Xunta está deixando escapar a oportunidade única que supoñen os fondos europeos que conseguiu o Goberno socialista en Bruxelas. O mesmo Goberno que aprobou o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia que significou xa a inxección de 3.800 euros á nosa comunidade. “Non hai ideas máis alá da
propaganda e ninguén coñece os resultados da Sociedade para o Desenvolvemento de Proxectos Estratéxicos para Galicia creada a bombo e platillo e desaparecida inmediatamente despois”. A Xunta ten a obriga de facer balance e explicarnos que fixo con ese volumen inxente de fondos que lle mandou o Goberno de España, continuou. A realidade é que en Galicia estanse desaproveitando os fondos europeos, apuntou David Regades.