8 julio, 2024
O Concello de Catoira amplía a programación complementaria do desembarco con exhibicións, torneos, e actividades deportivas abertas a toda a veciñanza
Catoira vai incluír o xadrez, unha ruta de bicicleta de montaña e un partido de fútbol gaélico na programación da Romaría Vikinga deste 2024. O Concello decidiu ampliar o programa complementario ao desembarco vikingo e vén de incluír por vez primeira os deportes na axenda desta 64 edición con competicións, exhibicións, e actividades abertas a toda a veciñanza e turistas que queiran gozar dun momento de lecer.
O concelleiro de Cultura e responsable da Romaría Vikinga, Raúl Gómez, destaca que para o Concello era importante diversificar a oferta de actos e incluír unha parte de deportes que ata agora non se tivera en conta. Subliñou que se apostou por introducir eventos de modalidades moi en auxe polo interese crecente do público, que finalmente se concretaron na ‘I Romaría Vikinga de Xadrez’, a ‘I BTT Ruta Vikinga’ e a ‘I Copa Vikinga de Fútbol Gaélico’. A intención, segundo di Gómez, é que estes torneos se consoliden con novas edicións no futuro.
A ‘I Romaría de Xadrez’ está organizada en colaboración co Club Fontecarmoa, o máis próximo a Catoira e de máis actividade. Segundo explica o presidente da agrupación, Anxo Vilas, o evento será o primeiro de toda a programación da Romaría Vikinga e terá lugar o sábado 27 de xullo na Casa do Concello, dende as once da mañá ata as dúas da tarde, e das catro ás oito da noite.
Haberá dúas tipoloxías de torneo, un para categorías base de promoción oficial dentro do calendario galego da Federación -no que só poden participar persoas federadas-, e outro aberto absoluto afeccionado no que poderán participar de maneira lúdica todas as categorías sen ter o requisito da federación. “Calquera persoa local ou turista que estea alí poderá participar igualmente”, subliña Vilas, quen aspira a chegar a 100 participantes.
Haberá premios para as cinco persoas primeiras clasificadas nas catro categorías do torneo de promoción (sub 8, sub 10, sub 12 e sub 14), un trofeo a nivel local, así como unha agasallo de lembranza por participar. A media tarde haberá unha merenda e ao finalizar realizarase un sorteo de material deportivo, informático, de xadrez e libros. As bases do torneo están
dispoñibles na páxina web do club Fontecarmoa e tamén na da Federación Galega de Xadrez.
As persoas interesadas en participar na parte competitiva, de non estar federadas, poderán facer o trámite a través do club.
O domingo 28 de xullo terá lugar a ‘I BTT Ruta Vikinga’ organizada en colaboración co Club Ciclista Torres de Oeste. Terá saída e chegada na alameda de praia fluvial (de 9 a 15 horas).
Será un percorrido de 42 quilómetros con 1.200 metros de desnivel, no que haberá diferentes puntos de avituallamento.
A inscrición pode realizarse a través da páxina web de cronotec.es ata o vindeiro 24 de xullo, sendo necesario abonar 16 euros en concepto de seguro de participación. Poderán participar maiores de 18 anos e menores de entre 14 e 17 con autorización asinada das persoas titoras.
Dende o Concello facilitaranse todas as instalacións deportivas municipais necesarias para a ducha e aseo das persoas participantes, así como para o lavado das bicicletas. Tamén haberá petiscos, sorteos e algunhas sorpresas.
Finalmente, o vindeiro sábado 3 de agosto, ás 19.30 horas, celebrarase a ‘I Copa Vikinga de Fútbol Gaélico’ no campo de fútbol das Lombas. O evento enfrontará a un combinado mixto do equipo decano do fútbol gaélico galego ‘A Coruña Fillos de Breogán’ e outro do último equipo creado, o ‘Galicia Bealo Lorchos’, de Boiro. O obxectivo desta primeira edición, segundo
explica Pablo Miragaya, responsable da organización, é “divulgar esta modalidade deportiva e fomentar a interacción coas persoas asistentes”. O partido terá unha primeira parte de media hora, un descanso de dez minutos, e unha segunda parte de outra media hora, para abrir despois un tempo de charla entre as e os deportistas co público, que poderá preguntar sobre o fútbol gaélico, os equipos galegos ou a Selección Galega.
A organización espera que, se o evento ten boa acollida, a ‘Copa Vikinga’ poida establecerse como unha data oficial no calendario anual da Selección Galega de Fútbol Gaélico, contando no futuro coa presenza de equipos de máximo nivel de fóra de Galicia.
O concelleiro de Cultura Raúl Gómez agradeceu a todos os clubs implicado na organización dos torneos a súa implicación e boa disposición dende a proposta inicial.
Alerta