12 julio, 2024
David Regades destaca o esforzo sen precedentes en conservación das estradas para recuperalas do abandono do PP: “Daqueles recortes, estes baches”
“Á provincia de Pontevedra séntalle moi ben o Goberno de Pedro Sánchez”, afirmou o secretario xeral provincial do PSdeG-PSOE, David Regades, que compareceu para facer balance das obras en infraestruturas de transportes que están en marcha
ou en planificación. Regades subliñou que hai actuacións en marcha, ou a piques de iniciarse, por un importe de 330 millóns de euros. A maiores, o Goberno está planificando as grandes obras “para garantir a competitividade e o futuro desta provincia” valoradas noutros 2.800 millóns de euros.
“Estamos facendo todo o que o PP meteu nun caixón e tamén deseñando, proxectando e preparando a licitación das actuacións de gran formato nas que deixaron caducar os expedientes, como a Variante de Cerdedo, a conexión ferroviaria con Portugal, o túnel da A-52 para conectar Vigo coa Meseta ou as variantes de Ponteareas, Caldas de Reis e Cuntis-A Estrada”, engadiu.
David Regades, que compareceu acompañado dos deputados e deputadas no Congreso, no Parlamento de Galicia e na Deputación, indicou que ao Goberno progresista tócalle atender as necesidades do presente, planificar as do futuro e tamén redobrar esforzos para corrixir a herdanza dos recortes do PP. A este respecto recordou que a vida útil dun pavimento asfáltico é de 15 anos e que durante o Goberno de Rajoy alcanzouse o mínimo histórico en conservación de estradas. “Pasamos dunha partida de 750 millóns ao ano que reservaba Rajoy aos máis de 1.500 millóns anuais que se están gastando agora; pero mesmo redobrando esforzos leva o seu tempo, porque daqueles recortes estes baches”.
Regades explicou que van investidos 76 millóns de euros en obras de conservación na provincia desde que Pedro Sánchez é presidente. Agora mesmo están asfaltándose as autovías da provincia (VG-20, A-55 e A-52) cun orzamento de 6 millóns, está rematándose a drenaxe da A-52 con outros 4 millóns de euros e están executándose 24 millóns de euros polos
tres centros de conservación e mantemento situados no norte, centro e sur da provincia. Ademais, vai inxectarse un millón de euros adicional noutras obras de mantemento, anunciou. “Un esforzo extraordinario”, subliñou Regades, antes de invitar a repasar o estado das estradas autonómicas, é dicir, as que son titularidade da Xunta “que están que dan pena, das máis pequenas ás máis importantes, como a PO-308, sen ir máis lonxe, ao seu paso por Poio”.
O secretario xeral provincial subliñou que o Goberno de España ten executadas, adxudicadas ou a piques de seren adxudicadas as obras do nudo de Bombeiros (que o PP prometeu repetidamente e non fixo), a reforma da iluminación del túnel de Folgoso na A-52, a humanización avenida de Ourense (Marín), a mellora da N-120 en Ponteareas, o primeiro tramo da A-57 (circunvalación de Pontevedra), a humanización da avenida de Madrid (Vigo), a reforma do enlace da AP-9 na contorna de Vialia (Vigo), as pantallas antirruído da vía férrea no Eixe Atlántico e no tramo Vilaboa-Redondela da AP-9, a reforma dos viais próximos á autoestrada tamén en Redondela, a reforma da ponte de Pedre e o asfaltado da N-541 ao paso por Cerdedo-Cotobade e Forcarei, a mellora de varias estacións de tren, a modernización da vía férrea Vigo-Redondela
e a liña do Miño e, finalmente, o asfaltado da pista de aterraxe e melloras adicionais no aeroporto de Peinador. A maiores recordou o importante impacto económico das bonificacións en vigor na AP-9 e a recente supresión da peaxe Redondela-Vigo aprobadas por este Goberno.
Alerta