13 julio, 2024
O novo centro adaptarase ao crecemento do Concello para poder asumir de maneira óptima a crecente carteira de servizos. Para elo aumentarase nun 44% a superficie do actual.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, reuniuse esta semana en Santiago de Compostela co Conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, para abordar os avances no proxecto para a construción do novo Centro de Saúde no antigo hospital Rebullón.
O novo Centro de Saúde construirase no complexo sociosanitario que aproveita as instalacións do antigo hospital do Rebullón. “O centro actual conta con 28 anos de antigüidade e é preciso dimensionalo de acordo ao crecemento do Concello para poder asumir de maneira óptima a crecente carteira de servizos” comentaban Arévalo, rexedora local mosense, e o conselleiro Gómez Caamaño na súa xuntanza.
Este novo centro inserirase nun proxecto integral que inclúe a creación dun complexo sociosanitario no antigo hospital do Rebullón, onde compartirá espazos con outras dotacións como un centro público de coidados intermedios, unha nova escola infantil ou unha residencia para persoas maiores.
O proxecto reserva para o novo Centro de Saúde máis de 2.300 m² dentro do edificio do antigo hospital, o que supón un incremento de superficie do 44% (o actual conta con 1.641 m2). Esta ampliación permitirá ampliar os espazos e a carteira de servizos do centro, estando prevista a creación de dúas consulta máis de docencia, unha área de pediatría específica, a ampliación da área de fisioterapia, ou o incremento de 1 a 4 salas polivalentes para a atención de persoas adultas.
A Consellería de Política Social xa ten avanzado o proxecto do centro de coidados intermedios, que recolle as liñas xerais de deseño que se seguirán en todo o complexo. Tendo en conta isto, a Consellería de Sanidade avanzará nos trámites para a redacción do proxecto do novo centro de saúde.
Ese Centro de coidados Intermedios do complexo sociosanitario de Rebullón, xunto co que se porá en marcha en Santiago no edificio CEGADI, será o primeiro centro público destas características en España. Así, o seu obxectivo será atender a persoas que xa recibiron a alta hospitalaria pero que seguen precisando coidados específicos. Deste modo, continúase a súa atención e rehabilitación desde o ámbito social.
Contará con 60 prazas. Un orzamento de 5,4 millóns de euros.
En canto á Escola Infantil, o Pleno do Concello de Mos aprobou o pasado mes de abril por maioría o expediente de cambio de uso dotacional no equipamento da parcela destinada a Escola Infantil no Rebullón, necesario para poder levar a cabo todos os trámites necesarios para o novo centro, tanto a redacción do proxecto, como o procedemento de licitación da
obra, e posterior execución da mesma. A devandita parcela conta cunha superficie de 4.970 m2.
Alerta