Bandas de Valga, Mislata (Valencia) e Lleida protagonizan durante esta fin de semana en Valga un encontro musical, o Festival Confluencias, que arrancou onte cunha recepción na Casa do Concello ás distintas agrupacións participantes: a Jove Orquesta e a Banda Sinfónica de Mislata, a Banda Municipal de Lleida e a Orquestra Clásica Galega e a Banda de Música Municipal de Valga.
O alcalde, José María Bello Maneiro, acompañado de varios membros do goberno local –os concelleiros Carmen Gómez, Malena Isorna e Pedro Calvo– recibiu aos músicos no Salón de Plenos e deulles a benvida a Valga, desexándolles que a súa estadía sexa o máis satisfatoria e produtiva tanto a nivel musical coma turístico e lúdico e que, moitos deles, regresen no futuro a Valga para continuar coñecendo a nosa vila, os seus recunchos e as súas xentes.
O acto contou tamén coa asistencia do director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, e o delegado territorial da Xunta, Agustín Reguera, que onte visitaban Valga co gallo da inauguración da Praza do Souto.
As diferentes agrupacións recibiron un agasallo institucional do Concello, e o alcalde, ademais, recibiu do director da Banda de Lleida unha partitura manuscrita polo compositor ilerdense Enrique Granados.
Trala recepción tivo lugar a primeira actuación da fin de semana, durante o acto inaugural da Praza do Souto, no que a Jove Orquesta de Mislata e a Orquestra Clásica de Valga realizaron unha actuación conxunta.
O festival Confluencias continúa durante a tarde de hoxe no Parque Irmáns Dios Mosquera a partir das 18:00 horas. Actuarán primeiro grupos de gaitas e baile tradicional galego e, despois, celebrase unha cea organizada pola asociación Musival con empanada, porquiño e carneiro ao espeto como menú.
Ás 23:00 horas, coas bandas Municipal de Lleida, Sinfónica de Mislata e Municipal de Valga ofrecerán un concerto ao aire libre.
A cita clausurarase xa pasada a media noite cunha degustación de chocolate con churros.