Fernández-Tapias anuncia obras na cuberta do pavillón polideportivo CEP Plurilingüe Igrexa-Valadares por máis de 230.000 euros

Compartir

A delegada territorial da Xunta en Vigo explicou que os traballos consistirán na renovación integral da cuberta e a substitución de todos os caleiros e baixantes do edificio, así como das carpinterías exteriores e luminarias do centro educativo

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, anunciou hoxe obras na cuberta do pavillón polideportivo CEP Plurilingüe Igrexa-Valadares por un importe de 231.036,04 euros e un prazo de execución de dous meses.

Durante unha visita ao centro educativo na que estivo acompañada polo xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, César Pérez Ares, a representante autonómica enmarcou esta intervención no conxunto de actuacións previstas pola Xunta de Galicia para levar a cabo ao longo deste ano nas distintas infraestruturas escolares da Comunidade.

A finalidade da actuación é a mellora do pavillón polideportivo do CEP Plurilingüe Igrexa-Valadares, incluíndo substitución de cuberta por unha de panel sándwich de dobre chapa de aceiro. Sobre os traballos que se executaran, Fernández-Tapias detallou que se aproveitara esta renovación integral da cuberta para a substitución dos caleiros e baixantes do edificio.

Así mesmo, renovaranse as carpinterías exteriores do pavillón e colocaranse unhas novas de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo, aplicarase illamento térmico de fachada mediante a aplicación de sistema SATE (Sistema de Illamento Térmico polo Exterior) e instalarase revestimento acústico no interior das fachadas.

Por outra banda, substituiranse as luminarias por unhas novas de sistema LED e pintaranse as portas metálicas.

Neste sentido, a delegada territorial indicou que as novas intervencións que promove a Xunta en infraestruturas escolares apostan por un modelo de centros “pensados e configurados para afrontar os retos educativos do futuro que, ademais das necesidades académicas, inclúen tamén as sanitarias e as tecnolóxicas”, recollido no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica que recibirá unha inxección económica de 191 millóns de euros para esta lexislatura.