12 abril, 2025
A Mostra de Teatro Internacional Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC) chega este ano á súa 42 edición. Entre os días 22 de xuño e o 6 de xullo, o Auditorio Municipal, as rúas e outros espazos da vila morracense acollerán unha variedade de espectáculos. A organización anunciará o programa completo no vindeiro mes de maio.
Este ano, o cartel é obra de Xoana Almar, pintora, ilustradora e muralista. Na ilustración poden verse dúas mulleres rindo contándose algunha historia “que se entrelazan e das que xerminan novas sementes”, segundo afirma a propia artista. Un marco de ollos envolve as dúas figuras femininas, “que as observa coma nun escenario”, explica Almar. A directora artística da Mostra, María Armesto, lembrou que, como xa é habitual, a organización encarga o deseño do cartel a algún artista de Galicia.
Xoana Almar formouse como ilustradora, economista e antropóloga. Estudou en Granada e é alí onde comeza a traballar no campo da pintura a partir do 2008. En 2013 volve a Galicia e constitúe xunto a Miguel Peralta e Raquel Doallo a cooperativa Cestola na Cachola, onde exerce de muralista, pintora e ilustradora.
No seu traballo poden atoparse influencias de artistas clásicos/as da pintura galega e doutros actuais, especialmente relacionados co mundo da ilustración e do muralismo. A través dos seus personaxes, maioritariamente femininos, sobresae unha procura de formas sinxelas coas que tenta expresar unha personalidade ou historia de vida.
Alerta