30 octubre, 2024
A Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) acollerá no primeiro semestre do próximo ano nas súas instalacións na Estrada o encontro de responsables de academias, institutos e escolas autonómicas de seguridade pública, un espazo para poñer en común experiencias susceptibles de coordinación e colaboración. Galicia colle o testemuño a Estremadura, onde se celebrou o último evento deste tipo en 2018.
Por outra parte, representantes do Instituto de Seguridade Pública (Ispib) das Illas Baleares, veñen de realizar unha visita ás instalacións da Agasp, xa que pretenden que sexa o modelo de referencia para o edificio que teñen previsto construír como sede do seu organismo. Durante a visita guiada percorreron o recinto da academia, que conta con máis de 180.000 metros cadrados de superficie no que se sitúa a edificación principal, de 12.000 metros cadrados.
A delegación balear comprobou que, entre as súas múltiples estancias, a Agasp conta cunha residencia, diferentes tipos de aulas, laboratorios, salas de estudo, de conferencias e de xuntas, un salón de actos, unha biblioteca, así como áreas de esparexemento e descanso como cafetería e restaurante. Canto ás instalacións deportivas, xunto co novo pavillón dispón de ximnasio, tatami, a piscina ou o galería de tiro.
Os responsables de formación da Agasp e do Ispib tamén levaron a cabo unha xuntanza de traballo. Deste xeito, os responsables do instituto balear coñeceron os procesos, procedementos e xestión da academia galega, tanto no que se refire ao eido da selección cos procesos unitarios, como no establecemento do réxime interior, internado, normas internas, o plan de formación continua e o que supón o encaixe de todos os corpos de seguridade e emerxencias nun único espazo.
Cómpre lembrar que a Agasp é o centro de referencia na formación tanto das forzas e corpos de seguridade en Galicia e como dos servizos de emerxencias. Ademais de preparar as novas promocións de Policía Local, ofrece cursos con contidos actualizados e adaptados á realidade do traballo diario destes profesionais e voluntarios, co obxectivo de garantir a seguridade da poboación.
Alerta