A Agrupación Musical do Rosal celebra o seu festival de Nadal este sábado

Compartir
Agrupación Musical do Rosal. Fonte: Concello

Será no Auditorio Municipal ás 18.30 horas e a entrada será gratuíta ata completar aforo.

 

A Agrupación Musical do Rosal encherá de música o Auditorio Municipal co seu festival de Nadal este sábado. Comezará ás 18.30 horas e será o momento para que o alumnado da escola de música, a banda infantil e máis o coro infantil poñan en práctica todo o que aprenderon durante as clases. A alcaldesa, Ánxela Fernández, anima á veciñanza a asistir e lembra que a entrada é gratuíta, pero que é preciso recoller previamente unha invitación gratuíta na oficina do Auditorio.

A rexedora tamén quere dar os parabéns á Agrupación por organizar un ano máis este festival, “un dos días máis esperados polos amantes da música do Rosal”, e polo “seu gran traballo a prol da cultura no noso concello”. “Tamén queremos facer mención ao fermoso cartel que fixo Alex Fornos Fernández para publicitar o evento, así como a todos os nenos e nenas que participaron no concurso de creación dun debuxo para anunciar o Festival de Nadal”.

As persoas interesadas en asistir e que precisen máis información poden chamar ao 986 626 311 ou escribir unha mensaxe ao 609 866 792.