31 agosto, 2021
A alcaldesa recibiu aos novos gardamarinas, aos que lles
trasladou todo o apoio do Concello e da veciñanza de Marín e lles
pediu “compromiso cos valores que representades”.
A alcaldesa, María Ramallo, visitou a Escola Naval Militar para dar a benvida á nosa vila aos estudantes que inician este ano o seu traxecto académico no centro castrense. Aínda que o habitual era realizar este acto no Salón de Plenos do Concello, por segundo ano consecutivo realízase na Escola para poder
cumprir coa normativa Covid.
Ramallo, acompañada polo novo comandante director, Pedro Cardona Suances, dirixiuse aos futuros oficiais da Armada para trasladarlles que “Marín está encantada de teros aquí e de que formedes parte da fisionomía da vila. A medida que vaian pasando os meses, iredes participando en actividades sociais, culturais… e seguro que ao final deste camiño levaredes un bo recordo do noso municipio”.
A rexedora asegurou que ingresar na ENM “non é coma estudar unha carreira ao uso. É escoller unha forma de vida”, que a día de hoxe supón, ademais, “cumprir cun elevado grao de esixencia, tamén académica, xa que non é sinxelo acadar as notas altas que se precisan”.
Antes de despedirse do alumando, a alcaldesa tamén lles pediu colaboración para que sexan portadores “destes valores que representades, tanto dentro coma fóra da escola”.
Alerta