O Ministerio de Sanidad premiará así a traxectoria e o traballo exemplar da entidade pola mellora de vida das persoas con problemas de adiccións
Hai case 39 anos un grupo de nais formaron unha Asociación para que os seus fillos con problemas de adicción tiveran unha saída.
Tamén era unha plataforma pola que protestar, loitar e, tamén, soñar. Chamárona Asociación Érguete e hoxe, case corenta anos despois, continúa a súa labor con máis persoas usuarias que nunca (máis de 8.000) e o seu traballo vai ser premiado este ano coa Cruz Blanca de la Orden al Mérito del Plan Nacional sobre Drogas que cada ano entrega o Ministerio de Sanidad.
A coordinadora da Asociación, Elvira Rivas, destaca que este recoñecemento “é un premio a todas aquelas nais que soñaron o que somos hoxe” e tamén “un impulso máis a este proxecto que queremos que siga crecendo para non deixar a ninguén atrás”. Rivas quere lembrar a importancia para a sociedade dos programas de prevención e intervención da Asociación, tanto na saúde pública como no impulso de novas oportunidades.
Coa Cruz Blanca na Asociación Érguete tamén queren insistir en que a loita contra as adiccións “ten que ser un compromiso común para todos e todas”. O primeiro paso, é non criminalizar ás persoas que consumen. “Temos que saber que teñen un problema do que non se pode saír só. Ninguén podería”. Contan que a única maneira de solucionar esta problemática “é que rememos xuntos e xuntas para seguir conseguindo recursos para axudar a estar persoas e deter aos culpables, os grandes traficantes”. Rivas incide en que a Cruz Blanca é un recoñecemento que mostra a importancia deste traballo.
O Ministerio de Sanidad tamén premiará á Asociación Ferrolana de Drogodependencias – ASFEDRO, a Ana María Vicente Macías, a Alejandro Martín Blas, a Patricia Angulo Llanos, ao Grupo de Control Aduanero y Seguridad en las Terminales Portuarias de la Aduana Marítima de Valencia, a Ana Ruíz Bremón, a Ana Sánchez Sánchez, a Francesc José Verdú Asensi e a Alfonso Ramírez de Arellano.