24 agosto, 2021
A Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) vai desenvolver durante o mes de setembro a programación ‘Boas Novas no Camiño’, unha iniciativa divulgadora enmarcada no programa ‘O Teu Xacobeo’ da Xunta de Galicia que ten como obxectivo crear sinerxías e espazos de diálogo entre prácticas culturais galegas e proxectos de obxectivos similares que se desenvolven noutros países europeos como Portugal, Francia, Dinamarca, Italia ou Reino Unido.
Serán en total catro xornadas nas que se tentará dar resposta ás necesidades culturais dos territorios, a través do coñecemento e a análise de experiencias de proxectos relevantes e sustentables, enmarcados dentro dos parámetros das boas prácticas culturais. co obxectivo de poñer en valor as iniciativas culturais presentes nos diferentes traxectos do Camiño de Santiago.
Nos encontros van participar expertas e expertos internacionais e galegos vinculados ao proxecto “Banco de Boas Prácticas para a Xestión Cultural”, desenvolvido pola AGPXC co apoio da Deputación da Coruña, e que reúne 100 proxectos culturais inspiradores cuxa transferencia pode axudar a mellorar e profesionalizar o sector cultural porque entenden a sustentabilidade dun xeito transversal, coidando en todas as súas propostas aspectos como igualdade, a diversidade, o territorio e as persoas que o habitan.
Ao longo de catro semanas desenvolveranse conferencias, seminarios, foros e xornadas formativas, arredor de diversos ámbitos de actuación para tratar de ofrecer unha visión completa da cultura como un todo. No eido artístico sera a través da música e as artes escénicas; en canto ao patrimonio material, tocaranse a arquitectura, a xeografía e a etnografía; e no ámbito do patrimonio inmaterial, a temática escollida sera a gastronomía.
As sesións desenvolveranse todos os venres do mes de setembro a partir das 17 horas. A primeira xornada terá lugar en Lugo o venres 3; a segunda será en Ribadavia o venres 10; a terceira en Tui o venres 17; e pecharase o ciclo en Betanzos o venres 24 de setembro. Coa elección destes territorios a AGPXC busca descentralizar a súa actividade e balanceala cara áreas xeográficas rurais e zonas de baixa intensidade cultural. Todas as sesións convocaranse en formato presencial e tamén online, e en ambos casos estarán abertas á participación tanto do sector como da cidadanía. As inscricións para participar de modo presencial poden realizarse a través do enderezo info@xestoresculutrais.gal.
Alerta