21 enero, 2025
A sección Quinta da Audiencia Nacional fallou a favor do Concello de Tui, obrigando ao Ministerio do Interior a aboar 1.276.709,34 euros en concepto de axudas polos traballos de desentullo e desamiantado no barrio da Torre, en Paramos, tras a explosión dun almacén ilegal de material pirotécnico en maio de 2018.
Esta decisión responde ao recurso contencioso-administrativo interposto polo consistorio despois de que o Ministerio denegase parte das axudas solicitadas tras declarar a zona como afectada gravemente por unha emerxencia de protección civil. O Concello solicitara inicialmente 389.087,28 euros en xuño de 2018, importe que foi aprobado, e unha segunda axuda de 887.622,06 euros en marzo de 2019, que fora rexeitada ao considerar que as actuacións non eran «inaprazables». Agora, a Audiencia recoñece a lexitimidade das reclamacións do Concello.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, expresou a súa satisfacción pola resolución xudicial, que cualificou como un «recoñecemento xusto» aos esforzos do Concello. “Esta sentenza danos a razón na reclamación de preto dun millón de euros que exixiamos ao Estado polos gastos realizados para retirar os entullos no barrio da Torre tras a explosión”, explicou.
Cabaleiro lembrou que no seu momento se asinara un convenio coa Administración do Estado, pero que este non cumpriu coa súa obriga de pagamento, alegando que os traballos non eran urxentes. “Por unanimidade en sesión plenaria, adxudicamos por procedemento de urxencia as labores de desentullo, cun custo de preto de 1,5 millóns de euros. O Estado abonou inicialmente preto de 400.000 euros, pero quedaban pendentes case 900.000”, detallou o alcalde.
O rexedor celebrou o fallo favorable da Audiencia Nacional despois de case dous anos de espera, pero chamou á cautela, lembrando que contra a sentenza cabe recurso de casación. «Agardamos que se respecte esta decisión e se cumpra coa obriga de aboar ao Concello os gastos que asumiu nunha situación de emerxencia», concluíu.
Alerta