20 julio, 2021
Ao redor de 1.600 millóns de euros foron investidos no período 2015-2020 nas actuacións que desenvolven as liñas estratéxicas da Axenda Dixital de Galicia 2020, dos que máis de 540 corresponden á mobilización de capital privado, segundo se puxo de manifesto hoxe durante a celebración do pleno anual do Observatorio da Sociedade da Información de Galicia (Osimga) .
A sesión tivo lugar esta mañá en Santiago, presidido pola directora da Amtega, Mar Pereira, que deu conta das medidas desenvolvidas durante os seis anos de desenvolvemento da Axenda Dixital de Galicia 2020 (ADG2020), impulsada desde este departamento autonómico. Ademais, informou do Plan de Traballo do Osimga o próximo ano e fixo balance da situación da Sociedade da Información en Galicia, baseado nos últimos datos do Observatorio.
A Axenda Dixital Galicia 2020 logrou os seus obxectivos dunha maior dixitalización da sociedade, un maior impacto socio económico e a creación de oportunidades. Neste sentido, en todo o período 2015-2020 a interacción das persoas de Galicia coa Administración por medios electrónicos foi superior á media de España e da Unión Europea. As xestións en liña representan xa o 78 % das interaccións coas administracións en Galicia.
Rexistrouse tamén un incremento significativo no uso das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC), sobre todo nos grupos de maior idade. A evolución das persoas que declara ter usado internet nos últimos 3 meses foi tamén superior á media estatal e europea. O 84 por cento das persoas de Galicia usa habitualmente internet e o obxectivo fixado polo Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020 logrouse con dous anos de adianto.
Ao mesmo tempo, o uso das TIC por parte das empresas galegas converxeu coa media estatal e mellorouse o acceso da poboación galega a redes ultrarrápidas de telecomunicacións. Un 99,94% da poboación ten acceso a cobertura 4G e un 72,2% da poboación conta con acceso a redes de máis de 100 Mbps.
En canto ao impacto socioeconómico, a Axenda Dixital de Galicia 2020 logrou un aforro estimado de 37 millóns de euros na Rede dixital de emerxencias de Galicia. Tamén rexistráronse aforros significativos nos custos de mantemento e adquisición de sistemas e infraestruturas e na xestión de bases de datos e servidores de aplicacións. A tasa de emprego no sector TIC con respecto ao total de persoas ocupadas en Galicia non parou de medrar dende 2010, ata acadar o 1,9% en 2020.
O sector tecnolóxico galego xoga un importante papel na implantación e desenvolvemento destas accións, como referente de múltiples avances en novas tecnoloxías dixitais. En Galicia o número de empresas do Hipersector TIC ascende a 3.830, que deron emprego no ano 2020 a máis de 24.300 persoas, o que representa un crecemento do 17,4% nos período 2015-2020 e confirman ao Hipersector TIC como un dos sectores económicos máis resilientes e tractor dos restantes sectores produtivos.
Posta en marcha da nova Estratexia Dixital de Galicia 2030
A directora da Amtega deu conta dos avances na aplicación da Estratexia Dixital de Galicia 2030 (EDG2030), que toma o relevo da Axenda Dixital e determina un punto de inflexión no futuro dixital da nosa comunidade. A nova Estratexia, presentada no Pleno de 2019, conta con 7 eixes estratéxicos que dan resposta aos novos retos globais e un eixe transversal co que se promoverá a especialización tecnolóxica en Galicia.
Durante esta década producirase o maior investimento da historia na transformación dixital de Galicia, con máis de 4.000 millóns de euros, dos que 2.450 millóns corresponderán a actuación financiadas con fondos públicos.
A inauguración do centro GaiásTech como centro coordinador dos nodos tecnolóxicos de colaboración público-privada, a posta en marcha das plataformas web Dixiterrae e Gaiastech ou a presentación da Estratexia de Intelixencia Artificial de Galicia o pasado mes de xuño son algunhas das actuacións que se enmarcan dentro da EDG2030. Na actualidade, estase a elaborar a Estratexia Galega de Ciberseguridade como un dos piares sobre os que pivota a Estratexia Dixital de Galicia e que estará aliñada coa Estratexia Nacional de Ciberseguridade de 2019 e coa Estratexia Europea a través dos nodos tecnolóxicos desenvolvidos pola Amtega.
Cumprimento dos compromisos do Osimga na anualidade 2020
Entre os principais compromisos adquiridos no anterior Pleno do Osimga, cabe salientar a realización de dous estudos novidosos: “Talento Dixital: Estudo sobre a Traxectoria profesional dos perfís STEM de Galicia” e o “Informe sobre o impacto da pandemia provocada pola COVID19 nas empresas TIC de Galicia”.
O estudo sobre a traxectoria laboral das persoas tituladas en graos universitarios STEM en Galicia encádrase no marco da Estratexia Dixital de Galicia 2030, que establece a especialización tecnolóxica e o impulso ao talento dixital como un dos piares sobre os que pivota o futuro dixital de Galicia.
O estudo do impacto da COVID19 no sector TIC de Galicia constátase que o sector TIC foi un dos máis resilientes na contorna provocada pola COVID-19 e configurouse como un sector estratéxico para dar resposta ás necesidades de aumento da dixitalización xurdidas a raíz da pandemia do coronavirus.
No ano 2020 o OSIMGA tamén deu continuidade os Diagnósticos sobre a evolución do equipamento e uso das TIC nos distintos ámbitos de observación e renovouse a cooperación co IGE e INE para os próximos catro anos a través de dous convenios de colaboración con estas entidades.
Novas liñas de estudo: Competencias Dixitais, ‘Rapaciñ@s dixitais’ e Tecnoloxías Disruptivas
No Pleno do Osimga tamén se presentaron as principais novidades do Plan de Traballo do Observatorio, onde se destacan os novos informes e liñas de traballo para contribuír a cumprir coas liñas estratéxicas da Estratexia Galicia Dixital 2030.
O primeiro informe tratará sobre o grao de Competencias Dixitais da cidadanía galega. Este informe ten como obxectivo coñecer a situación de partida e determinar as habilidades dixitais da cidadanía galega, analizándoas segundo os distintos perfís socio-demográficos.
Os segundo informe novidoso para a próxima anualidade é “Rapaciñ@s dixitais”. Este estudo avaliará o grao de acceso aos recursos dixitais e o uso das tecnoloxías por parte das nenas e nenos galegos de 5 a 15 anos.
Ademais, no próximo ano realizarase unha análise específica das tecnoloxías disruptivas do sector TIC de Galicia.. O seu obxectivo é identificar o grao de adopción nas empresas TIC da intelixencia artificial, aprendizaxe automática a través de big data, robots de servicio, chatbot… e tamén coñecer a incorporación de perfís especializados nestes campos.
Alerta