22 septiembre, 2021
Os actos programados pola Área de Igualdade do Concello de Vilagarcía no marco da semana Muller e Cultura chegan ao seu fin este venres, 24 de setembro. O colofón ás actividades organizadas co obxectivo de poñer en valor e visibilizar o papel e o traballo das mulleres creadoras no eido do sector cultural, porao a obra de teatro “Doce uvas, dúas mulleres e unha oliva” que se representará á partir das 20.30 horas no Auditorio Municipal. A entrada é de balde con reserva previa en www.ataquilla.com e ata completar aforo.
“Doce uvas, dúas mulleres e unha oliva”, é unha comedia da compañía teatral Olivas Negras. Escrita e dirixida por Marián Bañobre e interpretada por Sonsoles Cordón e Cecilia Vázquez, conta unha historia de autosuperación e empoderamento feminino, en clave de humor, na que o público tamén terá ocasión de observarse e viaxar coas protagonistas.
A Semana Muller e Cultura é unha actividade que se enmarca dentro do III Plan de Igualdade do Concello de Vilagarcía e que cofinancia a Deputación de Pontevedra a través do Plan Concellos 2021. A edición deste ano centrouse no humor protagonizado por mulleres e incluíu actividades como un obradoiro de narrativa oral, un parladoiro, e varios monólogos. A través destes actos preténdense analizar os sesgos de xénero na produción cultural e ofreceranse á cidadanía modelos próximos de mulleres creadoras.
Alerta