23 julio, 2021
O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, recoñeceu hoxe que a bandeira de Galicia Calidade ondeando nos principais portos deportivos galegos reivindica Galicia como destino turístico sustentable, seguro e de calidade e contribúe á recuperación do sector.
Conde asistiu hoxe en Sanxenxo ao izado da bandeira de Galicia Calidade no Club Deportivo Nauta e no Real Club Náutico. E tamén esta mañá o director xeral de Comercio, Manuel Heredia, facía o propio no Club Náutico de Portonovo. Unha acreditación que xa dispoñen 14 portos deportivos galegos dos que once —entre os que se atopan Sanxenxo e Portonovo— contan, ademais, coa bandeira azul. Segundo apuntou, Galicia é líder, tamén, en número de náuticos recoñecidos coa Q de Calidade Turística de España, con seis de cada dez instalacións con este distintivo.
Segundo dixo, é o momento de reivindicar todo este potencial porque este tipo de instalacións contribúen a xerar unha oferta turística de calidade e competitiva en Galicia. A bandeira de Galicia Calidade recoñece a súa localización, o equipamento do que dispoñen e os servizos que ofrecen, en moitos casos, cunha oferta gastronómica que acrecenta o seu atractivo turístico.
A Xunta vén de presentar o Plan Galicia destino seguro 2021-2023, dotado con 478M€ e que vai mobilizar 950M€ para impulsar a recuperación dun sector co que a Administración autonómica vén traballando man a man. Nese sentido, o vicepresidente económico sinalou que a bandeira de Galicia Calidade vai ser un reclamo para impulsar este sector reivindicando aquilo que o fai un destino único e exclusivo: a calidade.
Alerta