A Cañiza celebra a II Edición do ‘Cocido Cañicense’

Compartir

O 23 e 24 de outubro A Cañiza celebra a II Edición do “COCIDO CAÑICENSE”. Un evento gastronómico promovido, impulsado e organizado conxuntamente polo concello e polos hostaleiros da localidade. Un atractivo culinario que ven a engadirse aos moitos activos turísticos deste Municipio que ademáis destaca pola súa especial diversidade paisaxística e a súa accidentada orografía que se pode percorrer e desfrutar grazas aos sendeiros e as rutas naturais.

A Cañiza é terra famosa pola calidade dos seus xamóns e polos seus excelentes cocidos. Dos mellores de Galicia. Por iso e co inicio do outono, restaurantes e concello poñen en marcha esta nova edición, coincidindo coa baixada das temperaturas que é como mellor se saborea este prato único que durante décadas congregou entorno ás mesas das nosas xentes a familias e amigos. Un prato que sólo na Cañiza se converte en arte culinario.

E o seu segredo está envolto nos aires das nosas cumes que posúen un microclima especial para o curado dos produtos do porco. Un aire frío e seco que consegue optimizar o curado e outorgar ás carnes o mellor sabor.

Son moitos os padais que xa coñecen o cocido pero promovido polo Concello, os hostaleiros da Cañiza organizan esta segunda edición, esmerándose en cociñar este prato tradicional preparado con chourizo de cebola e de carne, fuciño, rabo, orella, cacheira, lacón, touciño e costela de porco completado con pito, carne de vacún, patacas, fabas, garavanzos, cenorias e verdura ou repolo. Todo iso acompañado con pan rústico e pan de millo ou “Bica” e regado polos viños brancos e tintos, a gusto do cliente, da denominación de orixen Rías Baixas, tamén da Cañiza, Abelan e Eido da Fonte.

Antes ou despois deste prato ofrecerase un caldo servido en tazón. E como en toda boa comida, non pode faltar a sobremesa. Arroz con leite ou leite frita e café.

Ademáis haberá un pequeño agasallo para cada comensal.

O Concello e os hostaleiros da Cañiza covnidan a gozar dunha agradable xornada culinaria durante este fin de semana na Cañiza. Para iso vos aconsellamos reservar en calquera dos 8 restaurantes participantes nesta II edición do “Cocido Cañicense”.