23 noviembre, 2021
O certame organizado pola Concellería de Promoción Económica establece premios de 1.500, 1.000 e 500 euros e o sorteo de 10 vales de 50 euros entre os cidadáns que voten en redes
Os establecementos comerciais que desexen participar deberán inscribirse antes do 15 de decembro na dirección de correo electrónico: escaparatesconcellopontevedra@gmail.com
A Concellería de Promoción Económica e Turismo, que dirixe a socialista Yoya Blanco, quere animar ao comercio local de Pontevedra a mergullarse de cheo na ilusión das festas coa convocatoria dun Concurso de Escaparates de Nadal con premios de 1.500, 1.000 e 500 euros para os tres primeiros clasificados e o sorteo de vales de 50 euros entre os cidadáns que elixan os seus decorados favoritos votando nas redes sociais. Con esta iniciativa, impulsada a través da plataforma #PonteLovers en colaboración coa firma Pontevedra Digital, preténdese dinamizar a actividade comercial nestas datas tan especiais e implicar aos establecementos da cidade na confección de propostas orixinais e creativas que enchan de maxia as nosas rúas.
“Con este certame queremos animar á veciñanza e aos turistas a realizar as súas compras no comercio de proximidade e promover a creatividade dos comerciantes á hora de presentar os seus escaparates e produtos, contribuíndo á reactivación económica de cara á importantísima campaña de Nadal”, asegura Yoya Blanco. As bases do concurso establecen que poderán participar nel tódolos establecementos minoristas comerciais e negocios de servizos radicados no concello de Pontevedra, con escaparates visibles desde a vía pública, sen limitación de número e sen distinción algunha por razón da súa actividade ou titular. No caso de que unha mesma persoa propietaria desexe participar con máis dun establecemento, deberá presentar unha solicitude por cada un dos diferentes escaparates que opten aos premios.
Tal e como explica a concelleira de Promoción Económica, “o único requisito será desenvolver decorados coa temática do Nadal, con total liberdade en canto á súa interpretación, deseño, técnica e estilo”. “Á hora de valoralos teranse en conta aspectos como a integración dos produtos á venda; a composición do escaparate e a súa adaptación á temática do Nadal; a harmonía das gamas cromáticas, formas, texturas e o emprego prioritario de técnicas sostibles, de materiais de refugallo ou de elementos naturais; a interacción co público; a invisibilidade dos elementos auxiliares precisos para a súa construción, e o grao estimado de traballo empregado na conformación do escaparate final”.
Alerta