1 septiembre, 2021
A Xunta habilitará preto de medio millón de metros cuadrados de solo industrial nos Concellos de Mos e Redondela
Este novo desenvolvemeto é un dos previstos na modificación do Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia, actualmente en fase de avaliación ambiental, e que se prevé aprobar de forma inicial no último trimestre deste ano
A Conselleira subliña que a futura área industrial responderá ás necesidades dos empresarios da zona, que demandan máis superficie, unha vez que o parque de Veigadaña alcanzou xa unha ocupación do 93%, e só ten cinco parcelas dispoñibles
Os Concellos de Mos e Redondela, que concentran unha gran actividade económica e empresarial e necesitan máis superficie preparada para acoller este tipo de usos. Así o anunciou hoxe a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que se reuniu en Mos coa alcaldesa, Nidia Arévalo, e o presidente da Asociación de Empresarios do municipio (Aemos), Manuel Castro, para explicarlles o alcance que terá para esta zona a nova planificación na que traballa o seu departamento, co fin de actualizar e redefinir as prioridades da Comunidade en materia de áreas empresariais.
En concreto, o novo ámbito previsto está proxectado en Louredo, e ocupará unha superficie de 498.272 m2 dos cales a gran maioría, (371.710 m2), estarán no termo municipal de Mos e os 126.562 m2 restantes, no municipios limítrofe de Redondela.
Precisamente, a conselleira desprazouse xunto á rexedora e unha representación dos empresarios locais ata a zona, na que se desenvolverá a futura área, desde onde incidiu na importancia que terá este desenvolvemento para poder responder á demanda de superficie industrial existente no Concello.
“Dos 7 millóns de metros cadrados que imos planificar de cara ao futuro con esta modificación, 500.000 pertencen a Mos e Redondela. Porque hai demanda e porque tan só restan cinco parcelas por vender no polígono existente, o de Veigadaña”, explicou a Conselleira, que recoñeceu que esta é unhas das “áreas estratéxicas” desde o punto de vista empresarial polas que aposta a Xunta de Galicia.
Neste sentido, subliñou a importancia da revisión do PSOAEG, que está a acometer o seu departamento non só para esta zona, senón para o conxunto da Comunidade, e avanzou que o documento se atopa en fase de avaliación ambiental, e séguese avanzando co obxectivo de aprobalo de forma inicial no último trimestre e definitivamente, en 2022.
Pola súa banda, a Alcaldesa celebrou a confirmación de que Mos “seguirá crecendo empresarialmente, en emprego e en economía”, convertendo ao Concello nun “territorio de oportunidades”. “O Concello, Aemos e a Xunta somos un equipo que ten que seguir cada día avanzando e resolvendo problemas”, salientou.
Por último, o presidente de Aemos asegurou que hoxe recibiron unha nova que para os empresarios é “impresionantemente boa”, unha “necesidade” que vai supoñer unha mellora para a área metropolitana de Vigo. “Agora o que pedimos é que se reduzan os prazos ao mínimo posible, para que canto antes poidamos estar inaugurando este emprazamento”, sinalou.
Ademais da reunión nas instalacións de Aemos e a visita á futura zona empresarial, a Conselleira desprazouse tamén ata a zona na que a asociación está impulsando un proxecto singular con naves modulares.
Alerta