A consellería de medio rural anima ás empresas galegas a participar nos postos que despregará en distintas feiras do ámbito agrario

Compartir

A CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL ANIMA ÁS EMPRESAS GALEGAS A PARTICIPAR NOS POSTOS QUE DESPREGARÁ EN DISTINTAS FEIRAS DO ÁMBITO AGRARIO

A Consellería do Medio Rural anima ás empresas galegas a participar nos postos que despregará en distintas feiras do sector agrario durante a segunda metade deste ano. A iniciativa enmárcase no obxectivo da Xunta de mellorar a comercialización e a promoción dos produtos da nosa comunidade, nomeadamente de aqueles que están amparados por un selo de calidade. Así, terán prioridade as marcas responsables de producións con denominación de orixe protexida (DOP) ou indicación xeográfica protexida (IXP).

En concreto, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), a Consellería do Medio Rural estará presente nas seguintes feiras: Salimat Abanca (3-5 setembro), Iberflora (5-7 outubro), Fruit Attraction (5-7 outubro), Salón Gourmets (18-21 outubro) e Xantar (3-7 novembro). Os interesados en participar como empresas coexpositoras nos postos institucionais poden solicitar contar cun espazo individual, baixo a marca “Galicia”. Ese espazo que se ofrece incluirá todo o mobiliario e equipamento necesario para os labores de exposición e comercialización dos seus produtos.

O prazo para o envío das solicitudes estará aberto ata o 23 de xullo. As empresas interesadas deberán sinalar a que feira ou feiras desexan asistir, achegando tanto os datos de contacto como os produtos que comercializan e especificando se algún deles está amparado por algunha denominación de orixe ou indicación xeográfica protexida.

Apoio da Xunta

A Xunta considera fundamental a participación en certames feirais, tanto de carácter nacional como internacional, co fin de dar a coñecer e mellorar a comercialización das distintas producións agrarias galegas, sobre todo das amparadas por algún indicativo de calidade.

Nesa liña, a Consellería do Medio Rural creará nas feiras mencionadas espazos expositivos que permitan promocionar e establecer acordos comerciais entre as empresas coexpositoras e os maioristas e distribuidores, así como a ampliación de mercados.