
Central Unitaria de Traballadoras (CUT)
30 octubre, 2025
Asemblea de persoas traballadoras: a Cut denuncia a utilización premeditada da flexibilidade laboral para maximizar beneficios a costa das condicións das traballadoras
A Central Unitaria de Traballadoras (CUT) celebrou no día de hoxe unha asemblea xeral de afiliadas e afiliados na que se abordou a situación actual de paradas produtivas e sobreprodución previstas para o mes de novembro, período no que a empresa ten previsto traballar seis días de cada sete.
A CUT denuncia que esta situación se repite ciclicamente cada ano, o que evidencia unha falla de planificación deliberada por parte da dirección. En lugar de asumir a súa responsabilidade organizativa, a empresa descarga o peso da súa descoordinación sobre a clase traballadora, valéndose de mecanismos de flexibilidade como a bolsa de horas e os ERTE, convertidos xa nunha ferramenta estrutural para xestionar o que é, en realidade, unha estratexia produtiva premeditada.
A organización sindical critica tamén a complicidade das administracións públicas, que aproban sistematicamente estes ERTE, a pesar de que a súa reiteración e previsibilidade desmenten o argumento da suposta “imprevisibilidade” que a empresa mantén desde a pandemia.
Desde aquela, todo vale para xustificar a desorganización produtiva: primeiro foi a falta de compoñentes, despois os microchips, máis tarde o encarecemento das materias primas e agora —de novo— anúnciase a posibilidade de novos problemas de subministración de microchips. A CUT considera que este discurso de incerteza serve unicamente de coartada para seguir flexibilizando as relacións laborais, deteriorar dereitos e deslocalizar a carga de traballo, tanto na empresa principal como nas auxiliares.
Paralelamente, cando se trata de solicitar axudas públicas, a empresa non escatima esforzos ante os gobernos central e autonómico; mais, unha vez recibidos os fondos, desaparece calquera compromiso de mantemento do emprego, mentres continúa a presión sobre o persoal e o deterioro das condicións laborais.
A CUT entende que esta estratexia responde exclusivamente ao obxectivo de incrementar o rendemento produtivo e económico do grupo, aumentando as marxes de beneficio a costa das condicións sociais e laborais das persoas traballadoras e, especialmente, da súa conciliación familiar e persoal.
A Central Unitaria de Traballadoras reafirma a súa oposición frontal á utilización fraudulenta dos mecanismos de flexibilidade laboral e chama ao conxunto da clase traballadora a organizarse e responder colectivamente fronte a esta dinámica de abuso permanente.
No mesmo encontro, a CUT aprobou formalmente o regulamento do Fondo de Solidariedade Obreira, un instrumento de apoio destinado a todas as persoas traballadoras de Stellantis que sexan represaliadas pola empresa mediante sancións con suspensión de emprego e soldo.Este fondo garante un salario diario de 25 euros ata un máximo de 30 días, reforzando así a solidariedade e a protección mutua da clase traballadora.
A asemblea tamén analizou a recente sentenza do Xulgado do Social nº 5, relativa ao protocolo de calor vixente no centro de traballo, que a CUT considera claramente insuficiente e incumpridor do Real Decreto en materia de prevención de riscos laborais. O sindicato denuncia que, unha vez máis, a empresa prioriza a produtividade sobre a saúde das persoas traballadoras, mantendo un sistema de aireación obsoleto, da mesma antigüidade que as naves, sen realizar investimentos reais en mellorar as instalacións. Pola contra, só se inviste en aumentar a produtividade e eliminar postos de traballo.
Neste sentido, o gabinete xurídico da CUT xa formalizou o pertinente recurso fronte a esta sentenza, por considerar que non garante adecuadamente a protección da saúde das persoas traballadoras nin o cumprimento efectivo da normativa vixente.
Alerta