Ana Ortiz escribe aos catorce rexedores co obxectivo de manter reunións bilaterais para coñecer as necesidades dos municipios e avanzar en proxectos de colaboración coa administración autonómica.
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, remitiu este venres unha carta a cada un dos catorce alcaldes da área viguesa para manter unha reunión con cada un deles co obxectivo de analizar desde a colaboración institucional as decisións e as actuacións nos seus respectivos municipios.
A representante autonómica, que tomou posesión do cargo o pasado 20 de xuño en substitución de Marta Fernández-Tapias, dirixiuse aos rexedores da área territorial para poñer en común as súas axendas e fixar o antes posible unha xuntanza de traballo.
Ana Ortiz propón analizar temas relacionados coa Administración galega e que son prioritarios para os concellos en materia de educación, saneamento ou sanidade, entre outros. Así, avanza a oportunidade para facer un repaso dos grandes proxectos e necesidades das localidades que dependen da Xunta de Galicia, así como avaliar posibles vías de colaboración coas que mellorar os seus servizos.
Ademais da cidade de Vigo, o ámbito da área territorial abarca os municipios de Cangas, Moaña, Soutomaior, Fornelos, Pazos de Borbén, Redondela, Nigrán, Baiona, Gondomar, Mos, O Porriño, Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño.