A Deputación abre a inscrición para a segunda ruta “Depo Orienta”

Compartir
Depo Orienta. Fonte: Deputación

A cita terá lugar o último domingo de setembro, e as persoas interesadas en asistir xa poden anotarse a través do sitio web da Institución Provincial

 

As persoas amantes do deporte sustentable, a natureza e a orientación xa poden inscribirse na segunda das rutas do programa “Depo Orienta” da Deputación de Pontevedra, que realizarase o domingo 26 de setembro no Monte do Acibal en Barro.

Trátase da segunda das saídas deste programa provincial de orientación, tras a excepcional acollida da primeira actividade celebrada o pasado domingo no Monte do Galiñeiro (Gondomar), cun éxito de participación rotundo.

O prazo de inscrición desta nova actividade xa está aberto e pode realizarse no sitio web da Deputación de Pontevedra (www.depo.gal), ata o luns 20 de setembro ou ata esgotar as 200 prazas dispoñibles, momento no que as persoas interesadas pasarán a estar en lista de agarda.

“Depo Orienta” finalizará o 10 de outubro cunha cita na desembocadura do río Umia (Cambados), na que, coma no resto de saídas, o obxectivo das persoas participantes será realizar no menor tempo posible, un percorrido marcado no terreo por puntos de control e coa axuda dun mapa, que se lles entregará xunto co material preciso para a realización da actividade no punto de partida.