A Deputación abre o prazo de inscrición para unha nova Depo Andaina e para as rutas de “Bosques terapéuticos” do mes de agosto.

Compartir

A segunda Depo Andaina de este verán percorrerá o domingo 1 de agosto os Muíños de Golfaríz, no concello da Estrada, e nela poderán participar 200 persoas.

Tras o éxito que acadou a primeira Depo Andaina de este verán, que percorreu esta fin de semana a Vía Verde dos concellos de Caldas de Reis, Portas e Vilagarcía de Arousa, a Deputación de Pontevedra abriu este luns o prazo para inscribirse nunha nova ruta que se adentrará nos Muíños de Golfaríz, no concello da Estrada, o domingo 1 de agosto. O prazo de inscrición está aberto ata o 26 de xullo a través dun formulario no sitio web da Deputación (www.depo.gal).

A ruta, de dificultade media e da que poderán gozar 200 persoas, conta cunha distancia total de 12,5 quilómetros que se realizarán ao longo dun percorrido circular que comeza na igrexa de Santa María de Rubín. Esta segunda Depo Andaina é unha camiñada perfecta para as persoas amantes dos deportes na natureza que queren coñecer de preto un dos recunchos máis fermosos da provincia de Pontevedra.

“Bosques terapéuticos”

A Deputación de Pontevedra tamén abriu este luns a inscrición para as 13 rutas do programa “Bosques terapéuticos” que se desenvolverán no mes de agosto por nove espazos naturais da provincia. As inscricións estarán abertas ata dous días antes do inicio de cada visita e para acudir a elas tan só haberá que rexistrarse no sitio web da Deputación. Poderán gozar destas rutas un total de 195 persoas, 15 por cada unha das saídas.

Os baños de bosques chegarán no mes de agosto ao concello de Pontevedra con dúas rutas polos salóns do Lérez os días 1 e 28, ao parque do monte Aloia, en Tui, o día 6, así como ao espazo natural Arco da Vella, situado na parroquia viguesa de Bembrive, os días 7 e 22. Ademais, tamén se mergullarán en Cabo Udra, no concello de Bueu, con dúas visitas programadas para os días 8 e 27, na Ruta da Pedra e da Auga do concello de Meis o día 13 e no Bosque da Picaña, situado no concello de Ponteareas, o día 14. Para completar a oferta a Deputación tamén ten programadas rutas polo Sendeiro Azul do río Verdugo, en Ponte Caldelas, o día 15, pola Senda do Almofrei, en Cerdedo-Cotobade, os días 20 e 29 e pola Fraga de Catasós, en Lalín, o 21.

As Depo Andainas e as rutas de “Bosques terapéuticos” son dous exemplos do compromiso da Deputación de Pontevedra co medio ambiente e a sustentabilidade así como co fomento de vida saudable e a promoción do turismo da provincia.