
Repartiranse 100.000 euros para realizar obras de supresión de escudos, estatuas, mencións conmemorativas de exaltación ou realizar rehabilitacións afectados polas retiradas.
As achegas inclúense dentro das xa coñecidas Subvencións para a Rehabilitación e Sinalización do Patrimonio Histórico Cultural.
A Deputación de Pontevedra vén de abrir unha liña de axudas para retirar simboloxía Franquista nos Concellos da Provincia. Trátase de achegas que forman parte das xa coñecidas Subvencións para a Rehabilitación e Sinalización do Patrimonio Histórico Cultural, e que contan cunha contía global de 100.000 euros, segundo se publica hoxe no Boletín Oficial da Provincia (BOPPO).
As colaboracións económicas da Deputación para a eliminación da simboloxía franquista dos espazos públicos poderán destinarse a o obras de retirada de escudos, insignias e placas das rúas con nomes relacionados co Franquismo; retirada de estatuas, mencións conmemorativas de exaltación persoal ou colectiva, ou de calquera pegada de eloxio; ou a rehabilitacións e restauracións dos elementos dos bens inmobles de titularidade Municipal directamente afectados coa retirada da simboloxía Franquista.
A Deputada de Memoria Histórica, María Ortega, lembra que a retirada da simboloxía Franquista é unha obriga legal que as administracións locais deben asumir, mais como nalgúns casos a falta de orzamento impide levar adiante as retiradas, “a Deputación de Pontevedra pensa que incorporar esta liña nas subvencións é bo para que os Concellos da Provincia poidan entrar camiño de facilitar o cumprimento da normativa da Lei de Memoria vixente”.
As axudas repartiranse cun importe fixo de cincuenta mil euros de xeito lineal entre os Concellos da Provincia que decidan acollerse a elas. A cantidade restante repartirase, en proporción ao 75 % da poboación e ao 25 % da superficie, con 10.000 euros para os 37 Concellos de ata 10.000 habitantes; 20.000 euros para os 14 Concellos de 10.001 a 20.000 habitantes; e outros 20.000 euros para os 8 Concellos de entre 20.001 e 50.000 habitantes.
Rehabilitación e sinalización do patrimonio
Desde o ano 2016 a Deputación de Pontevedra conta cunhas liñas de subvencións dirixidas aos Concellos da Provincia para a rehabilitación do patrimonio, e a sinalización do patrimonio histórico e cultural e a memoria histórica co obxectivo de darlle valor á riqueza patrimonial do noso territorio, mediante a súa recuperación e mellora.
A través da convocatoria deste ano a Deputación de Pontevedra promoverá dúas liñas diferenciadas: unha liña A, a nova sección anunciada para eliminación da simboloxía Franquista; e unha liña B, a tradicional de rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico-cultural. Ambas poderanse solicitar de forma paralela e non excluínte.
O obxecto das subvencións da liña B, que neste ano ascenderán a 300.000 euros, será como é habitual, a restauración de bens inmobles de titularidade Municipal que teñan un recoñecido valor arquitectónico, histórico, artístico, paleontolóxico, arqueolóxico ou etnográfico, ademais dos conxuntos urbanos, sitios naturais, xardíns e parques que teñan valor artístico, histórico ou antropolóxico; a adquisición de bens inmobles integrantes do patrimonio histórico da Provincia de Pontevedra e a instalación de paneis informativos no patrimonio histórico e cultural dos bens inmobles de interese municipal, os conxuntos urbanos, as parroquias, os xacementos e as zonas arqueolóxicas, ademais dos sitios naturais, os xardíns e os parques que teñan un recoñecido valor arquitectónico, histórico, antropolóxico, artístico ou etnográfico dentro do ámbito territorial da Provincia de Pontevedra.