26 septiembre, 2021
A Deputación de Pontevedra adheriuse á II Declaración de Bilbao, “Cara unha Mobilidade Urbana máis Sostible”, cun acordo que foi aprobado unanimemente polo Pleno provincial. Este pacto local pola mobilidade, que é froito do último Congreso SUM (Sustainable Urban Mobility) celebrado na capital biscaíña en 2019, foi cualificado como un paso adiante. Non obstante, a Deputación anunciou a través da súa presidenta, Carmela Silva, que está de acordo “ao 85%”, polo que anunciou achegas o ano próximo, cando se celebre a terceira edición do congreso.
Carmela Silva agradeceu a unanimidade e explicou que a Declaración de Bilbao quedou pechada cunha lista de 13 obxectivos, “pero faltan algúns puntos de vista potentes, como a recuperación dos espazos públicos”. “Está moi ben impulsar as motorizacións eléctricas en lugar dos motores de combustión”, engadiu, “pero os vehículos só deben estar no espazo público que corresponde ás persoas cando sexa necesario”. A presidenta engadiu que a Dirección Xeral de Tráfico xa ten recoñecido o papel de referencia que xoga a provincia de Pontevedra nesta transformación, polo que a Deputación “participará activamente para defender posturas máis avanzadas”, cando o debate se retome.
A Declaración consta de 13 obxectivos que fan fincapé na necesidade de acordos internacionais sobre mobilidade urbana sostible, na redución da contaminación do aire e acústica, na incorporación da perspectiva de xénero ás políticas de mobilidade, na contribución á descarbonización co impulso ao vehículo eléctrico e ás infraestruturas de carga, no uso da tecnoloxía como motor de novos negocios, na dixitalización da economía, na redución das desigualdades a través do fomento do transporte público e, finalmente, na aposta por unha mobilidade futura cero emisións en liña co Acordo de París.
Alerta