A Deputación anima a cidadanía a visitar nesta ponte o Castelo de Soutomaior

Compartir
Castelo de Soutomaior. Fonte: Deputación

Amais de moitas actividades o histórico recinto, xa iluminado, conta por primeira vez cun mercadiño de produtores/as, con produtos sostibles e de proximidade.

 

O Castelo de Soutomaior constitúe, desde este xoves, o epicentro do Nadal na provincia. Trala inauguración do acendido e a esperada apertura do mercadiño, a Deputación de Pontevedra anima a familias, adultos/as e mozos/as a achegarse a este emblema turístico para gozar dunha programación moi variada na que, amais de poder adquirir produtos de proximidade, ten dispoñible unha interesante oferta de lecer que abrangue visitas teatralizadas, contacontos, obradoiros, unha “caixa de correo de soños” e as visitas ao recuperado “Muiño das Afreitas”.

O mercadiño do Castelo de Soutomaior é o grande protagonista, ideal para os regalos de nadal, que estará aberto ao público entre as 16 e as 20 horas os días 4,5,7 e 8 de 11 a 14 horas e de 16 a 20 horas. Os seus/as visitantes poderán adquirir nel produtos da provincia, sostibles e de proximidade, á vez que colaboran con unha vintena de produtores/as das diferentes comarcas. Nos postos poderán atopar queixos, ovos, mel, licores, marmeladas, melindres, bicas e artesanía; produtos do mar como afumados e conservas; produtos a carón do Miño como chocolates, conservas de lamprea, mirabeles ou grelos; produtos relacionados coa camelia a través de artesanía, cosméticos, marmeladas e venda de árbores; e de quilómetro cero con viños de Soutomaior, do viño Pedro Madruga e de espumosos. Amais, hai unha zona de degustación na que se poderá probar os produtos.

Nestas datas, o castelo “encherase de maxia” cunha interesante programación que inclúe visitas teatralizadas baixo o título “A luz do Nadal”, a cargo de Troula, con 270 prazas que se esgotaron en 24 horas. Tamén quedan moi poucas prazas para as sesións de contacontos e obradoiros baseados na obra “Un conto de Nadal” de Charles Dickens. Serán oito sesións os días 4, 5,11, 12, 18, 19, 26 de decembro e 2 de xaneiro ás 17 horas, dirixidas a crianzas de entre 4 e 9 anos. O día 4 terá lugar un contacontos protagonizado por Pedro Madruga; o 5 un obradoiro de arquitectura no que a cativada construirá e decorará un poboado de Nadal e o 11 un contacontos sobre as tradicións do Nadal no mundo e un obradoiro con tintas para crear felicitacións, que tamén se repetirá o día 12.

Pola súa banda o día 18 haberá contacontos e un obradoiro para crear farois ecolóxicos con desexos; o 19 un experimento científico para fabricar neve e descubrir o que se atopa no interior dun iceberg; o 26 contacontos para descubrir os recunchos do castelo e un obradoiro para decorar a árbore de Nadal con materiais recollidos no percorrido; e xa o 2 de xaneiro realizarase unha ruta de sendeirismo polos xardíns do Castelo, onde nenas e nenos coñecerán os animais e plantas que habitan neles e rematarán decorando casiñas para paxaros. Amais, este Nadal tamén por vez primeira está en funcionamento o “Muíño das Afreitas”, unha vez restaurada a súa maquinaria. As nenas e nenos, ao igual que o ano pasado, poderán deixar os seus desexos na “caixa de correo de soños” no Patio de Armas.

Finalmente e como complemento a este inicio do nadal, a Deputación reafirma e mantén a súa aposta polas artes escénicas co programa “Tornar as táboas”, que está a levar polos municipios da provincia e o Centro Príncipe Felipe un total de 35 espectáculos a cargo de 35 compañías diferentes. Esta fin de semana contará con tres novas funcións. O sábado 4, ás 19.00, Culturactiva Producións interpretará “Saaabor!” no auditorio municipal de Arbo e, ás 20.00, Olivas Negras estará no edificio multiusos de Moraña con “12 uvas, 2 mulleres e 1 oliva”. Pola súa banda, o domingo 5, ás 12.00, será a quenda de “Bambolina” a cargo de Barafunda Teatro, que se celebrará no auditorio Lois Tobío de Gondomar.