A Deputación aproba achegas por case un millón de euros para outros cinco municipios ao abeiro do Plan Concellos

Compartir

Os investimentos da Deputación ao abeiro do Plan Concellos volven a chegar a novos recunchos da provincia coa aprobación na Xunta de Goberno deste venres de case un millón de euros (904.100 €) para cinco municipios da provincia. Como informou a presidenta, Carmela Silva, Vilanova, Meis, Marín, Bueu e Ponteareas poderán financiar obras de rehabilitación, mantemento, axardinamento, eficiencia enerxética ou a reforma dun centro municipal, amais de obras relacionadas con abastecemento e saneamento. Neste sentido a responsable provincial lembrou unha vez máis os cartos que a Deputación está destinando a este capítulo nos concellos, “polo que seguen a sorprender algunhas declaracións que, cos datos obxectivos, se demostra que non van a ningún sitio”.

Coas achegas aprobadas hoxe, o concello de Marín poderá rehabilitar o depósito de auga da Costa, que conta cunha estrutura deteriorada e unha cámara de chaves con múltiples fisuras, cunha subvención do Plan provincial de 159.900 euros. Pola súa banda, para Bueu a Xunta de Goberno deu luz verde a dúas achegas por valor de 350.000 euros. Con elas o concello financiará o proxecto de mantemento e mellora da envolvente exterior e ampliación de local no Pavillón Pablo Herbello (214.500 €); e o proxecto de axardinamento do entorno do antigo cemiterio na Igrexa de San Martiño (135.500€) que se converterá nun espazo destinado ao uso público.

Ademais, Ponteareas poderá financiar a reforma do centro municipal ASPRODICO con actuacións que comprenden entre outras cuestións a mellora da envolvente térmica e a ampliación dos servizos do local a través dunha achega de 128.200 euros. Vilanova de Arousa contará con 63.700 euros cos que levará a cabo o soterramento e mellora da eficiencia enerxética no seu casco urbano. Con esta achega o concello instalará novas luminarias de dimensións e tipoloxía similares ás actuais pero con tecnoloxía LED, o que aportará mellores rendementos e niveis lumínicos así como un importante aforro enerxético. Ademais, as novas luminarias terán capacidade de redución nocturna do fluxo lumínico. Finalmente a Meis chegarán 202.300€ para conectar á rede de saneamento varias vivendas situadas nos lugares de Penente, As Portelas e a Moroza e que aínda carecen deste servizo.