3 septiembre, 2021
A Deputación aproba máis de un millón de euros en recursos para outros seis municipios a través do Plan Concellos e Fondos Europeos
As axudas chegarán a Moaña e Lalín grazas ao plan provincial e a Marín, Meaño, Meis e Mondariz-Balneario mediante unha achega do IDAE
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de dar luz verde a máis de un millón de euros (1.027.800 €) para outros seis concellos da provincia na súa primeira sesión do mes de setembro. Trátase de dúas achegas do Plan Concellos, que chegarán a Moaña e Lalín, e da aceptación de fondos do IDAE para a iluminación exterior sostible nos concellos de Marín, Meaño, Meis e Mondariz-Balneario.
Máis polo miúdo, as achegas do Plan Concellos supoñen un total de 210.000 euros cos que Moaña asfaltará e formigonará catro camiños e o tramo inicial da rúa Daniel Castelao (120.000 €). Ademais, Lalín adquirirá terreos para a ampliación do cemiterio municipal da Romea (90.000 €) cos que aumentará a capacidade existente nun 76% para garantir o servizo durante polo menos unha década.
En consonancia co seu forte compromiso co medio ambiente o ente provincial destinará 817.800 euros na iluminación exterior sostible de catro novos concellos. As actuacións están financiadas nun 80% con fondos europeos e con elas instalaranse 1.212 novas luminarias e 36 cadros de mando para conseguir un aforro enerxético medio do 75,7%. Estas axudas europeas irán aos concellos de Marín (preto de 196.000 euros), Meaño (168.000 euros), Meis (160.000 euros) e Mondariz-Balneario (máis de 130.000 euros).
Alerta