20 septiembre, 2021
Nestes momentos está a piques de finalizar a avaliación dos “moitos aspectos conseguidos”, dende que se puxo en marcha o I Plan de Igualdade.
Carmela Silva: “Fomos a primeira administración pública en elaborar no 2017 un Plan de Igualdade, en base a unha auditoría laboral de xénero, e cunha análise exhaustiva da área salarial do persoal baixo a perspectiva de xénero”.
A Presidenta da Deputación de Pontevedra anunciou hoxe que antes de que remate este ano, a Institución aprobará o II Plan de Igualdade e que “moi pronto” dará a coñecer os resultados da avaliación de todos os obxectivos conseguidos dende que se puxo en marcha o primeiro. Deste xeito a Xunta de Goberno vén xa de aprobar a adxudicación do servizo de asistencia técnica, que se encargará da negociación, redacción, deseño, aprobación, análise cuantitativo e cualitativo anual e avaliación final do II Plan de Igualdade da Deputación de Pontevedra, que terá unha vixencia de catro anos.
O I Plan de Igualdade da Deputación recollía os termos establecidos en todas as recomendacións internacionais, a lexislación Estatal e Galega, e mesmo ampliaba o concepto de discriminación en liña cos obxectivos do Convenio de Istambul. Tamén foi integrado na cultura da organización, coa finalidade de acadar a igualdade real entre mulleres e homes no traballo. A partir de agora, coa posta en marcha do contrato do II Plan de Igualdade, ábrese un proceso que inclúe dende a negociación, redacción e aprobación do plan ata proceso de execución, formación e avaliación anual e final.
Alerta