17 agosto, 2021
A Deputación de Pontevedra colabora coa Asociación Arela cunha achega de 10.000 € para o seu programa de intervención educativa e preventiva para menores.
O proxecto apoia ao Equipo Educativo das Casas de Familia de Vigo, e fixo posible a contratación de 2 persoas auxiliar educativo para os momentos de máis actividade.
A deputada de Cohesión Social Olga García e o deputado Carlos López Font veñen de visitar en Vigo as instalacións da Casa de Familia Atlántida da Asociación Arela nas que se desenvolve o Programa de Intervención Educativa e Preventiva para persoas menores de idade, para o que a Deputación de Pontevedra destina este ano 10.000€. O proxecto, que conta cun período de actuación anual, está a beneficiar a máis dunha vintena de nenos/as e mozos/as que reciben atención na Casa de Familia Atlántida e na Casa de Familia Bembrive; e fixo posible a contratación 2 persoas auxiliar educativo para os momentos de máis actividade.
O Programa de Intervención Educativa e Preventiva para as persoas menores de idade está pensado para apoiar ao Equipo Educativo, principalmente nas tarefas de ocio e apoio escolar, facilitando que os/as residentes das Casas de Familia Arela de Vigo poidan gozar de actividades axustadas aos seus gustos e ter protagonismo dentro do grupo. Así, entre os seus obxectivos principais destacan a integración social do neno/a ou adolescente, o seu empoderamento na organización do seu tempo e actividades de lecer, a mellora da súa autoestima e estado emocional e o apoio necesario para incrementar o seu rendemento académico. A metodoloxía do proxecto está fundamentada na realización e análise semanal dunha axenda de lecer, en reunións individuais para analizar as opcións propostas, o desenvolvemento de actividades deportivas, o apoio e acompañamento nas tarefas escolares e reunións mensuais coas familias dos/as residentes que se estime que poidan pasar a vivir no domicilio familiar nun período curto ou medio.
Entre os resultados que se prevé acadar co proxecto, os máis esperados son a integración dos nenos/as e mozos/as, o incremento da súa participación na elección de actividades de lecer e a melloría da súa autoestima. Para a estudar a súa consecución, procederase a unha avaliación a finais de ano que medirá a eficacia do programa en canto á mellora da calidade de vida dos rapaces/as.
A Asociación Arela constituíuse en 1998 cun total de 7 Casas de Familia repartidas pola xeografía galega coa misión común de facilitar o desenvolvemento integral da infancia e da mocidade en situación de desprotección e/ou conflito social en Galicia. Na actualidade, Arela xestiona 6 Casas de Familia, 2 Centros de Atención de Día Integral, o Centro de intervención Educativa en Medio Aberto (CIEMA) de Pontevedra e coordina o Programa CaixaProinfancia da Obra Social “La Caixa” en Vigo e Santiago de Compostela. Amais, conta coa iniciativa Convive.conmigo para a procura de persoas ou familias dispostas a convivir cun ou cunha adolescente que teña imposta unha medida xudicial na provincia de Pontevedra.
Alerta