A Deputación colabora con Unicef cunha achega de 15.000€, para protexer aos nenos/as máis vulnerables dos efectos da pandemia en Siria

Compartir
Visita Unicef. Fonte: Deputación

Co apoio do ente provincial, UNICEF está a distribuír kits de auga e hixiene entre os nenos e nenas Sirios/as, e subministros básicos de desinfección nos centros de saúde.

 

A Deputación de Pontevedra volve a colaborar con UNICEF cunha achega de 15.000 euros para a posta en marcha en Siria do proxecto de atención á infancia máis vulnerable fronte aos efectos da pandemia. A iniciativa ten como obxectivo chegar a máis de cinco millóns de persoas con medios de prevención da infección, (artigos de hixiene, auga e xabón), e a máis de 120 centros de saúde, que se beneficiarán de equipos de protección e de servizos de auga, saneamento e hixiene.

A deputada de Cohesión Social, Olga García, coñeceu hoxe, nunha visita ás instalacións do Comité de Galicia, os detalles dun proxecto que está pensado para garantir o dereito á supervivencia e o desenvolvemento da poboación siria afectada pola Covid19, asegurando o acceso a servizos básicos de auga, saneamento, hixiene e saúde para reducir a transmisión e mortalidade do virus no caso das familias máis vulnerables e protexer ao persoal sanitario. Así, entre as actividades principais destaca o subministro dun kit familiar básico de auga e hixiene, que inclúe cloro, recipientes de auga, pastillas de purificación e desinfectante de mans co fin de favorecer o seu lavado como medida preventiva. Amais, nos hospitais estanse a distribuír máscaras faciais, gorros quirúrxicos, protectores de cama, termómetros, camiñas, equipos de reanimación, concentradores de osíxeno e mantas térmicas.

A iniciativa, que abarca todo o 2021, dispón dun equipo de seguimento cuxo obxectivo é asegurar que as actividades se completen coa calidade pertinente, no que UNICEF traballa man a man con outras axencias de Nacións Unidas e o Ministerio de Saúde. A súa colaboración dá lugar a unha análise da situación dos nenos, nenas, adolescentes e mulleres que garante unha conxunta e rápida resposta humanitaria; á medición dos progresos para abordar os resultados respecto cos puntos de referencia e xestionar mellor a resposta humanitaria resultante e á obtención dun contexto en profundidade do rendemento no que se teñen en conta as cuestións relativas ao acceso, á seguridade e á dispoñibilidade de fondos.

UNICEF constituíuse en 1946 co obxectivo de axudar aos nenos/as de Europa afectados pola Segunda Guerra Mundial e, nos anos 50, chegou a España para apoiar aos/ás da Guerra Civil Española. Dez anos máis tarde creouse o seu Comité Español, que traballa para que todos os nenos/as crezan sans, poidan estudar para mellorar o seu futuro e non sufran ningún tipo de abuso ou explotación. Na actualidade, esta asociación está presente en 17 comunidades autónomas, e supera os 400.000 socios/as, sen contar todos/as donantes e entidades que a apoian en España para facer posible a súa labor en todo o mundo.