12 julio, 2021
A Xunta de Goberno da Deputación vén de aprobar a concesión de 130.000 € a 26 entidades de 13 concellos da provincia para impulsar actividades turísticas coas que a institución pretende contribuír ao fomento do turismo e a súa profesionalización, impulsando iniciativas encamiñadas a estimular o sector, a súa calidade, accesibilidade e sustentabilidade, así como á promoción dos recursos turísticos da provincia.
No marco desta liña de subvencións dirixidas a actividades turísticas, a comarca de Vigo vai recibir 63.029 € que se distribuirán entre 13 entidades de Baiona, Nigrán e Vigo. De Baiona beneficiarase o Monte Real Club de Yates para o Trofeo Conde de Gondomar; de Nigrán a Fundación Carlos Casares para a itinerancia da exposición “Galicia Escandinava. O camiño do Oeste a Santiago de Compostela”; e de Vigo a Asociación Sociocultural e Deportiva Sinergias 370 para o Desafío Boot Camp, a Asociación Casco Vello para “Toma Castaña”, a Asociación Sociocultural e Deportiva La 21 para a media maratón, a Asociación Ría de Vigo de Entidades Náuticas para a “Semana Azul”, o Club de Montañeiros Celtas para o proxecto “A natureza da península do Grove”, a Federación de Empresarios de Hostelería polo concurso de tapas “Petisquiño”, a Fundación para a Pesca e o Marisqueo por “Navegas. Patrimonio industrial marítimo pesqueiro no Camiño de Santiago”, a Idilicamente por “Descubre Pontevedra-Blue Atlantic Forum”, a Orquestra Clásica de Vigo polo “Festival do Órgano”, a Prado Surf Club por “Meu camiño, teu camiño” e a “The Wild” por “The Wild 2021”.
Pola súa banda catro entidades dos concellos de Cambados e Sanxenxo na comarca do Salnés recibirán 20.900 €. De Cambados beneficiarase a Asociación Ruta do Viño Rías Baixas para a promoción da enogastronomía e de Sanxenxo o Circulo Cultural Deportivo polo “XIV Torneo Internacional de Tenis Cadete”, o Club Náutico de Sanxenxo pola sétima edición da “Regata Rey Juan Carlos I” e o Piragüismo Portonovo pola terceira edición da Festa da Empanada Mariñeira.
Ata a comarca de Deza e Terra de Montes chegarán preto de 15.000 € que irán ata catro entidades dos concellos da Estrada e de Lalín. Da Estrada beneficiaranse a Asociación de Veciños de Sabucedo que destinará os recursos ao MUSA 2021 e a Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo que os achegará a “Sabucedo, o sentir dun pobo”. De Lalín recibirán axudas a Asociación de Amigos do Museo Casa do Patrón para a XII Malla Tradicional e a Asociación Etnográfica de Codeseda para “Unha aldea no nadal do Camiño”.
A comarca do Baixo Miño recibirá 14.876 € para tres entidades dos concellos do Rosal, Tomiño e Tui. Do Rosal beneficiarase das axudas da Deputación a Asociación Agrupación Musical do Rosal para o “Rosal Cámara Fest”; de Tomiño a Asociación de Persoas con Diversidade Vontade para o “Río Miño, marca inclusiva” e de Tui a Asociación Xuventude Musical Eixo Atlántico para “Rosendo Salvado en ruta”.
Da comarca do Condado a Asociación de Alfombristas do Corpus Christi de Ponteareas beneficiarase dunha achega por valor de 5.500 e para a promoción da festa do Corpus Christi. Pola súa banda de Pontevedra a Asociación para o Desenvolvemento Educativo e Cultural da capital recibirá 5.460 para o curso de biodiversidade e emprego no sector do turismo e da comarca do Morrazo a Asociación FICBueu beneficiarase de 4.300 e para o proxecto “Descubrindo a vila de Bueu”.
Neste 2021, como principal novidade, a liña de subvencións dirixidas a actividades turísticas da Deputación ten discriminado positivamente aquelas iniciativas que están a contribuír na dinamización económica dos sectores máis afectados polas restricións derivadas da covid-19. Amais, tamén se ten incrementado a contía máxima das achegas, que chega ata os 5.500 € por entidade, 500 máis que o establecido no 2020.
Alerta