A Deputación dá o pistoletazo de saída ao Plan ReacPon

Compartir
ReacPon. Fonte: Deputación

Carmela Silva: “É o plan máis ambicioso da historia desta provincia para transformar o territorio e garantir servizos e dereitos á xente viva onde viva”.

César Mosquera: “A Deputación cambiou a cultura das peticións pola cultura da boa xestión”.

 

 

“ReacPon n0n é un programa de obras, falamos do plan de transformación máis ambicioso da historia desta Deputación, para garantir servizos e dar equipamentos á xente viva onde viva, para xerar actividade económica e crear emprego, en definitiva para que os concellos poidan encarar a recuperación nas mellores condicións posibles”. Con esta declaración a presidenta da Deputación, Carmela Silva, xunto ao vicepresidente César Mosquera, presidiu hoxe a reunión coas alcaldesas e alcaldes dos 47 concellos que teñen aprobados os proxectos do Plan ReacPon, “47 grandes proxectos, dixo Carmela Silva, que chegarán a todo o territorio, Ogallá, engadiu, outras administracións públicas teñan a valentía e a decisión de apostar así por esta provincia”. No encontro, celebrado no Salón de Plenos e convocado para despexar dúbidas en canto ao proceso de tramitación e prazos das actuacións, tanto a presidenta como o vicepresidente agradeceron aos concellos “a calidade e ambición das actuacións presentadas” e pedíronlles “unha axilización máxima para que liciten canto antes as obras” .

A presidenta Carmela Silva, subliñou que este é “o momento de apostar” para reaccionar ante as consecuencias da pandemia con “políticas de inversión potentes e expansivas, fronte ás da contestación á crise do 2008, que foron regresivas”. A presidenta provincial cualificou de “decisión valente” o aumento do orzamento do Plan de 20 a 26,33 millóns de euros, “cun incremento da contía do crédito que solicitamos para que todos os proxectos poidan levarse a cabo”. Das 47 actuacións que se financiarán co ReacPon, 25 son de mobilidade segura, “onde somos a gran referencia de Galicia e do Estado e con este plan a transformación vai ser máis visible”; construiranse 3 bibliotecas; realizaranse 5 obras de reforma de Casas Consistoriais; 5 obras de remodelación de espazos culturais, unha potente actuación nun cemiterio e 8 de infraestruturas deportivas.

 

ReacPon. Fonte: Deputación

 

Carmela Silva lembrou que as actuacións do ReacPon son “unha oportunidade para os fondos Next Generation” e indicou que se estudarán as distintas convocatorias para que, en caso de que se permita ás deputacións presentar os proxectos, a de Pontevedra farao aproveitando á súa maior capacidade de xestión e persoal para facilitar a tramitación, pero en caso de que teñan que ser os concellos directamente “nós seremos quen estará detrás apoiándovos”, de xeito que se axudará tamén tecnicamente ás entidades locais.

A presidenta detallou máis polo miúdo o plan e aclarou diversas cuestións suxeridas desde os concellos referidas preferentemente á súa tramitación. Incidiu en que todas as actuacións deberán estar rematadas a 30 de abril de 2023 e xustificadas o 30 de setembro dese ano, sen posibilidade de ampliar a data, e destacou que as entidades locais poden iniciar xa a licitación dos seus proxectos de xeito anticipado segundo reflicte a Lei de Contratos, algo que animou a facer desde xa para axilizar os prazos.

Indicou tamén que esta axuda da Deputación si é compatible con outras achegas de carácter público ou privado para a mesma finalidade e que tamén se poden realizar modificacións dos proxectos. Engadiu que trala aprobación do ReacPon e o convenio tipo cos concellos, prevista para o 17 de decembro, notificarase aos municipios vía electrónica a concesión das axudas e que serán os concellos os encargados da licitación e adxudicación dos contratos. Amais, sempre que se cumpran as bases das axudas e a normativa de contratación pública, permitirase aos municipios iniciar a execución dos traballos antes de formalizar o convenio.

 

ReacPon. Fonte: Deputación

 

Pola súa banda, o vicepresidente Mosquera parabenizou a alcaldesas e alcaldes pola calidades dos proxectos presentados e recoñeceu que están a “entrenar a cultura do traballo” de maneira moi satisfactoria, motivo polo que a Deputación aumentou de 20 a 26,3 millóns de euros a cifra que vai destinar ao programa. “Estamos gratamente sorprendidos e contentos co que sucedeu coas peticións”, insistiu, lembrando que se presentaron 55 solicitudes e saíron adiante 47.

Segundo dixo, o goberno da Deputación marcou dende o inicio varios criterios claros á hora de traballar na provincia, sendo un deles o cambio da ‘cultura da petición’ dos alcaldes e alcaldesas pola ‘cultura da xestión’ que prima os concellos que fan as cousas ben a través de convocatorias con criterios obxectivos, claros e cos que poder facer previsións de ingresos. “Queremos suprimir o de ‘a ver se consigo que’,’ a ver se teño un amigo que’ ou ‘a ver se teño unha influencia que’. Non te preocupes –díxolles ás e ós rexedores- en pasar o tempo en pedir, senón en gastar o tempo en traballar os proxectos, xa que se están ben terán financiamento”, insistiu.
Mosquera advertiu aos concellos que deben ter en conta que a execución inmaterial dos proxectos supón entre cinco e oito veces máis que a execución real das obras. Subliñou que se non se compren eses prazos “ou a obra non se fai, ou non se vai facer ben”.
Ao remate do acto, entregouse ás e aos representantes municipais unha guía sobre a tramitación do ReacPon e se emprazou aos alcaldes e alcaldesas a consultar cos técnicos e técnicas do Servizo de Cooperación da Deputación calquera dúbida ao respecto do plan. Neste senso, crearase unha base de datos de preguntas e respostas, tal e como se levou a cabo con outras iniciativas.