A Deputación de Pontevedra anuncia alegacións ao anteproxecto do ciclo integral da auga, e advirte á Xunta que se segue adiante, chegará ata os tribunais

Compartir
Ciclo Auga, Fonte: Deputación de Pontevedra

Carlos Font cualificou de “Intolerable o intento da Xunta de impoñer un modelo inxusto e unilateral, un ataque directo ao mundo local, a súa Autonomía e que suporá cargas para os Concellos, e un enorme incremento no recibo da auga da cidadanía”

A Deputación de Pontevedra oporase con todas as consecuencias ao anteproxecto de lei do ciclo integral da auga, que pretende impoñer a Xunta de Galicia

 

O modelo, en palabras do deputado Carlos Font, “é inxusto, unilateral, atenta contra a autonomía local, e vai contra a cidadanía, que verá incrementado o recibo da auga de forma brutal polos novos canóns contra os Concellos, porque terán que asumir novas cargas administrativas, costes e sancións adhíranse ou non voluntariamente á firma dos convenios; e contra as Deputacións porque dinamitaría a nosa suficiencia financeira e suporía ter que recortar noutras prestacións. É intolerable”, subliñou, “cando por enriba se trata de competencias autonómicas e, en todo caso, competencias impropias para os entes locais”.

Así o trasladou hoxe o Deputado do Goberno Provincial no webinario organizado por Augas de Galicia, onde tamén avanzou que a Deputación presentará alegacións de forma inmediata e que “caso de que o anteproxecto siga o seu trámite parlamentario como proxecto de lei e coa súa posterior aprobación, levarémolo ata instancias xudiciais”.

“O anteproxecto supón un ataque directo ao mundo local, á súa autonomía”, dixo o Deputado. “Non só pretenden impoñer ás Deputacións que aporten un terzo do custo dos investimentos para financiar actuacións que non son competencia das administracións locais senón que, amais, non teríamos capacidade para xestionalas sen intromisión e imposición doutras administracións”. “É dicir”, engadiu, “teremos que aportar un terzo dos recursos pero seremos meros espectadores aos que lles dá exclusivamente trámite de audiencia.

Unha vez máis, a Xunta quere que o mundo local non xestione, non decida pero que como sempre pague”, resaltou. Font denunciou tamén que “por enriba, o instrumento de financiamento anunciado é o de convenio que sería imposto unilateralmente pola Xunta incumprindo así o espírito legal dos convenios, que están baseados na negociación e no consenso”.

Font recordou que a Deputación de Pontevedra conta xa cun modelo de financiamento para garantir dereitos e servizos a través do Plan Concellos, no que os gobernos locais dan prioridade aos seus investimentos, no que se respecta a súa autonomía e que ten criterios obxectivos nos que se fai fronte ao financiamento en saneamento, abastecemento e depuración.

Finalmente, o Deputado lembrou que o anteproxecto deriva do fracaso do intento de creación dunha empresa de augas, “que tivo que ser retirada porque tiña grandes eivas legais”. Insistiu en que “non podemos admitir que impoñan ao mundo local ese financiamento, cando parte dos investimentos derivarían en competencias impropias a Concellos e Deputacións, poñendo en perigo a súa suficiencia financeira e cando, amais, a Xunta de Galicia é precisamente das administracións autonómicas que menos recursos destinan ás entidades locais”. Por todo iso, rematou, “opoñémonos total e absolutamente ao anteproxecto e farémolo ante todas as instancias que consideremos oportunas”.